Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Roberto Mansilla

A guerra de Kouchner

17:47 21/09/2007

Resulta capciosa a advertencia realizada por Bernard Kourchner, actual ministro de Asuntos Exteriores francés, célebre por ser durante máis de tres décadas o presidente da ONG “Médicos Sen Fronteiras” (MSF), de irse “preparando para o peor”, sendo este escenario unha posible confrontación bélica contra Irán.

Esta inédita declaración de Kouchner nun programa televisivo revela unha radical variación da política exterior francesa con respecto ao programa nuclear iraniano. Así, o presidente Nicolás Sarkozy semella estar preparado para cando aconteza “o peor escenario” anunciado polo seu ministro de Exteriores.

Para ser máis explícito, Kouchner deixou máis sinais clarividentes: “aínda que esperamos resolver con negociacións o problema de Irán ou ben aplicando sancións para evitar a guerra,, considero lóxico que teñamos un plan militar preparado”.

No imaxinario público, Kouchner ofrece a súa experiencia bélica non precisamente como artífice senón como aparente diplomático ao servizo da paz. Sempre se recordará a súa imaxe rescatando camboianos nos derradeiros momentos da caída de Hanoi en mans dos comunistas de Pol Pot ou as súas constantes “misións humanitarias” en Bosnia, Cosova e África.

Non obstante, un ex best seller editorial en Francia do ano 1993, titulado “Les tribulations de Bernard K dans la Yougoslavie”(1), relata as súas lucrativas “misións humanitarias de paz” como medio de alcanzar contratos millonarios e contactos políticos. Sen ambigüidade, os autores deste libro, Michel Floquet e Bertrand Coq, cualifican a Kouchner de “ambicioso trepador da política francesa”, Razón non lles falta: de militante do Partido Comunista francés a ministro de Asuntos Exteriores do actual goberno “plural” de dereita de Sarkozy.

Interrogantes

Algunhas interrogantes son inevitables: ¿a qué se debe esta repentina viraxe política de Kouchner? ¿Están tan avanzados os eventuais plans de ataque contra Irán, non só en Washington, Londres ou Tel Aviv senón tamén en París? ¿Revelan as súas declaracións a definitiva certificación dun novo eixe atlantista, conducido por Sarkozy, co probable beneplácito da chanceler alemá Ánxela Merkel?

Kouchner realizou estas declaracións con carácter previo a unha estratéxica viaxe a Moscova, onde o presidente Vladímir Putin rexeita unha “solución militar” do problema iraniano. Parece claro que ía a Moscova cun plan elaborado para tratar de convencer a Putin de endurecer posicións cara Teherán.

Consecuencia lóxica se estima das favorables reaccións ás palabras de Kouchner dende Washington, onde George W. Bush está a dixerir a petición do seu xefe militar en Iraq, David Petroneus, de iniciar unha redución de tropas estadounidenses. E de Tel Aviv, cun goberno que tenta analizar a dimensión do recente raid aéreo con Siria, aliado militar de Irán, que espertou temores dunha posible confrontación militar sirio-israelí.

Co este patio revolto, resaltan tamén as reaccións do principal agraviado, o presidente iraniano Mahmud Ahmadíneyad. A súa declaración de “non tomar en serio” as advertencias de Kouchner pode ser sintomático e revelador da posibilidade de que Occidente, finalmente, inicie outra aventura bélica en Oriente Medio.

NOTA:

(1)Unha oportuna recensión deste libro sobre Kouchner pode atoparse no blog persoal do profesor Francisco Veiga, experto en Turquía e temas da Europa balcánica na Universidade de Barcelona. http://elveiga.blogspot.com/, data do luns 10 de setembro de 2007.

4/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Roberto Mansilla

Roberto Mansilla Blanco é licenciado en Ciencia Política pola Universidade Central de Venezuela e analista do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). »



Anteriores...