Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Roberto Mansilla

A era de Correa

17:30 29/09/2008

Consolidado politicamente tralo seu contundente triunfo na aprobación dunha nova Constitución, o presidente Rafael Correa semella estar inaugurando unha nova etapa dentro da convulsionada historia contemporánea de Ecuador.

Entre un 65 e 70% dos ecuatorianos deron o seu firme apoio a unha nova Constitución que lexitima o amplo proceso constituínte iniciado no 2007, constantemente comparado con experiencias anteriores como a venezolana de 1999 ou a que actualmente levase a cabo en Bolivia. A elevada e estable participación electoral lexitima este cambio constitucional impulsado por Correa, quen agora está facultado para gobernar ata o 2017 debido á posibilidade de reelección inmediata.

O Sí obtivo contundentes maiorías nas rexións da serra, a costa e a selva e, incluso, na estratéxica rexión de Guayas, onde se atopa o pulmón económico do país en torno á cidade de Guayaquil, controlada polo alcalde  dereitista e opositor Jaime Nebot. Aquí, o apoio constitucional a Correa alcanzou a vitoria pola mínima.

Este resultado asesta un duro golpe á oposición política, representados tanto en Nebot como no ex presidente Lucio Gutiérrez, neutralizando as tentativas, de corte autonomista, establecidas en Guayaquil e irresponsablemente explotadas polo propio Nebot. Derrotada democraticamente esta posibilidade, existen perspectivas que apuntan a que Ecuador non reproducirá o inestable exemplo boliviano representado no pulso autonomista das súas provincias orientais concentrado en Santa Cruz.

Trazando un novo modelo

Fortalecido politicamente, Correa logra substituír a anterior Constitución de 1998 por unha Carta Magna que se ben reforza os poderes presidenciais, establece un marco de relación equitativa entre os poderes executivo e lexislativo que contempla a posibilidade inmediata de disolución e renuncia, no caso de manifestarse unha crise gobernamental.

Unha das principais preocupacións de Correa á hora de abordar un novo modelo constitucional referíase á intención de reverter a tendencia de inestabilidade política existente no país desde 1998, que propiciou a caída de seis gobernos distintos. Non obstante, reforzar o poder presidencial non sería o único factor de garantía de estabilidade política se a mesma non amplía un marco de liberdades e de participación social, plasmadas na intención de mudar o modelo económico anteriormente existente.

Precisamente, o mais significativo do novo texto constitucional ecuatoriano está contido no énfase por construír un modelo “social, humano e solidario” que, se ben non exime da utilidade económica do mercado, sepulta a preponderancia do modelo neoliberal e desregulado instaurado nos derradeiros anos, que contribuíu a afondar as desigualdades socioeconómicas e a propiciar as constantes crises políticas e caídas de gobernos.

Así, no eido económico, o novo modelo constitucional contempla cinco tipos de propiedade: pública, privada, mixta, popular e solidaria. Paralelamente, fundamentase o papel do Estado como protagonista principal do sistema económico, especialmente no control de materias estratéxicas como os recursos naturais.

A orixinalidade do novo modelo constitucional ecuatoriano radica igualmente na ampliación conceptual e normativa dos elementos suxeitos a dereito, como son os casos dos recursos ambientais e, especificamente, da auga, considerados como “dereitos humanos fundamentais e irrenunciables”. Deste xeito, se establecen novas regras de actuación para as empresas multinacionais no país, de nefasta experiencia nos derradeiros anos, revalidando o énfase constitucional na protección de áreas xeográficas estratéxicas.

Paralelamente, a votación ecuatoriana aplica tamén un duro correctivo á política estadounidense na rexión andina, certificando a vontade popular de pechar a base militar estadounidense de Manta para finais de 2009.   

Se a inspiración “socialista” da nova Constitución ecuatoriana supuxo a constante comparación de Correa co modelo instaurado en Venezuela con Hugo Chávez, cómpre considerar que esta nova Carta Magna establece diversas variables de orde conservadora, probablemente dirixidos a minorar a confrontación de Correa coa xerarquía católica nun país tradicionalmente devoto. Deste modo, a nova Constitución ecuatoriana preocúpase no seu preámbulo de “invocar a Deus” e de defenestrar temas polémicos como o aborto e o matrimonio entre persoas do mesmo sexo.

A hora do consenso

Correa obtén o seu mais importante triunfo político, co cal cabe considerar que o seu movemento Alianza País, conformado por partidos indixenistas e de esquerda, ocupará o centro da política ecuatoriana nos próximos anos, desarticulando momentaneamente a capacidade política da derrotada oposición.

Un trazo significativo e importante do novo modelo político e democrático o constitúe a pretensión de Correa de propiciar eleccións primarias de base no seu movemento gobernamental, a fin de definir futuras candidaturas electorais.

A nova etapa política constitúe tamén un momento propicio para a apertura dun diálogo inclusivo, especialmente cara personalidades que se distanciaron de Correa, como é o caso de Alberto Acosta, ex presidente da Asemblea Nacional Constituínte e considerado o político mais popular do país tralo presidente. Nun xesto conciliador, o día da votación, Correa visitou a Acosta a fin de acudir xuntos ás urnas.

Se ben Ecuador non posúe excesivo peso e referencia política na convulsionada rexión andina, cómpre considerar o impacto deste resultado nas potencialidades electorais da esquerda nos países veciños, así como medir este impacto  ante as próximas eleccións presidenciais estadounidenses, especialmente á hora de interpretar os cambios cara a esquerda en América Latina e a necesidade de que o novo goberno en Washington mude considerablemente a súa estratexia hemisférica.

4/5 (13 votos)



Roberto Mansilla

Roberto Mansilla Blanco é licenciado en Ciencia Política pola Universidade Central de Venezuela e analista do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). »



Anteriores...