Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
CONTRA O DITAME DO CONSELLO CONSULTIVO

A Xunta teima en introducir o modelo de ensino en inglés

Os sindicatos denuncian que abre a porta a que a lingua de apoio sexa só o español, redundando en que o galego non serve para certas materias.

Redacción - 18:21 16/06/2010

A Consellaría de Educación vén de convocar a Mesa Sectorial para este venres 18 de xuño. O obxectivo é desenvolver o Decreto 79/2010, o chamado Decreto do Plurilingüismo, na liña da implantación do inglés, co vista posta na creación dunha rede de centros plurilingües en Primaria e Secundaria coa introdución de até un terzo das materias nunha lingua estranxeira.

Tanto a CIG-Ensino como o STEG perciben nesta medida unha manobra para reducir a presenza do noso idioma nas aulas, sen reparar nin en gastos nin nas consecuencias. Apuntan que é imposíbel acreditar que a implantación dun terzo do horario en inglés vai supor máis destreza nesta lingua se esa decisión non vai acompañada doutras medidas como a redución co alumnado por aula, a dotación de máis profesorado.

Ademais, alertan de que “xa que o profesorado para dar toda a materia nunha lingua estranxeira, terase que apoiar no galego ou no castelán”. Na práctica, isto suporá “abrir a porta a que a lingua de apoio sexa só o castelán”, subliña o STEG, o que redunda na mensaxe que este Goberno semella querer potenciar: que o galego non serve nin para o ensino de ciencias nin para aprender outros idiomas”.

Asemade, ambos os dous sindicatos ven na medida, ademais dun ataque contra o galego, un interese propagandístico: “poderán publicitar que o alumnado está a recibir a materia nunha lingua estranxeira, enganando á cidadanía cun modelo que non garante a aprendizaxe de linguas e diminúe a calidade educativa”.

Apoio os centros privados e concertados
Outra crítica que recibe esta decisión é que “o Goberno opta por programas que non pode xeneralizar ao conxunto da poboación educativa, xa que a Consellaría non ten sequera coñecemento de que profesorado dispón de formación como para implantar o programa”. O STEG teme que a Consellaría “volva beneficiar os centros concertados coas axudas económicas contempladas, nun reforzo do trato discriminatorio que ten cara os centros públicos do país, como se puido comprobar co programa Abalar”.

Dende a CIG-Ensino tamén ven nesta norma “unha barreira selectiva e segregadora para o alumando, pois dá lugar á clasificación dos centros e dos seus alumnos dende un punto de vista elitista e contrario á equidade e á igualdade”. Destacan que, ademais se creara “un círculo de preferencias, xa que o alumnado que curse os seus estudos nestes centros obterá un certificado que lle dará preferencia na participación en programas específicos e de formación lingüística da Consellaría en detrimento do alumnado que non tivo esa oportunidade”.


4/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: