Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
BENESTAR

"Que empresas amigas xestionarán os servizos sociais?", pregunta o BNG

Aymerich augura que unha compañía da que é apoderada a irmá do presidente da Xunta asinará moitos contratos logo da privatización dos centros de día.

Redacción - 18:15 22/12/2009
O BNG augura que a empresa Eulen asinará moitos contratos co Goberno logo da privatización dos centros de día

O BNG augura que a empresa Eulen asinará moitos contratos co Goberno logo da privatización dos centros de día

A polémica privatización dos centros de día que xa confirmou o Goberno chegou este martes ao Parlamento. O BNG defendeu unha Proposición non de Lei encamiñada a conseguir que se manteña o carácter público destes centros do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, que foi rexeitada polo PPdeG.

O portavoz nacionalista, Carlos Aymerich, subliñou que o cambio de goberno supuxo "unha paralización e recortes" nos programas sociais postos en marcha polo anterior executivo, asegurou que estes servizos xa se converteran nun dereito de toda a cidadanía aceptado socialmente e lamentou que o "afán privatizador do PP" paralice todos os programas en marcha. Ademais, asegurou que "é falso o argumento do 25% de aforro coa xestión privada" porque entende que eses cartos retiraríanse do salario dos traballadores e dunha rebaixa na calidade do servizo.

Unha empresa baixo sospeita
Doutra banda, preguntou sobre as empresas que sairán beneficiadas da privatización da xestión destes centros e fixo a súa propia aposta augurando que Eulen, unha empresa da que é apoderada a irmá do presidente da Xunta (Micaela Núñez Feijoo) asinará "moitos contratos". Esta compañía, que xa fora adxudicataria da Administración co goberno de Fraga en funcións, "é unha das empresas que anda pululando en torno ao Consorcio", advertiu Aymerich.

Pola súa parte, o PSdeG aliñouse ao carón dos nacionalistas e a súa portavoz, Laura Seara, acusou os populares de "atacar o corazón das políticas de benestar", cualificou esta decisión como "unha gran regresión, tamén ideolóxica" e recordou que Eulen "tamén se encargou da seguridade da alcaldesa do PP no debate da moción de censura de Mos".

Para o PP: boicot á xestión concertada dos centros
A portavoz de Benestar do Grupo Parlamentario Popular (PPdeG), Marta Rodríguez Arias, a Xunta "non vai privatizar nada" e salientou que a modalidade de concesión administrativa mediante concurso será "pública e transparente" e "permitirá incrementar un 60% as prazas de atención a persoas maiores nos próximos dous meses".

"Non é unha opción", dixo, "é unha necesidade pola precaria situación na que quedaron as contas do Consorcio" e adiantou que en breves darase a coñecer o "burato que quedou neste eido". Negou a existencia de ningún tipo de rede clientelar e lamentou que tanto BNG como PSdeG "só queiran enlodar" para "boicotear a apertura dos centros de día".


4.2/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: