Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
BENESTAR E IGUALDADE

A Xunta confirma que privatizará 14 centros de día

O xerente do Consorcio asegura que é a única opción para abrir estes edificios proxectados polo bipartito e adianta que permitirá un aforro do 25%.

Redacción - 12:00 28/11/2009

Mentres os traballadores do Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar continúan coas súas mobilizacións denunciando o desmantelamento do carácter público deste servizo, o seu responsábel, Roberto Rodríguez, lonxe de negalo, aduce cuestións económicas. Así se desprende do último anuncio da Consellaría de Traballo e Benestar, que confirmou a privatización dos 14 centros de día proxectados polo bipartito e que suman varios meses de atraso nas súas perspectivas de apertura.

Segundo explicou o propio xerente do Consorcio, Roberto Rodríguez, o Goberno entregará estes servizos á xestión privada por medio de concesións administrativas dun ano, prorrogábeis até un máximo de catro. Nas súas palabras, esta decisión tómase por "falta de fondos" e permitira aforrar un 25% no financiamento previsto para a súa xestión. Porén, asegura que "se garantirá o mesmo estándar de calidade", xa que a Xunta "non tolerará residencias de primeira e de segunda".

En concreto, os 14 centros de día ofrecerán máis de 600 prazas para maiores e a actual previsión é que poidan abrir antes do vindeiro mes de marzo nos concellos de Xinzo de Limia, Vilar de Barrio, Nogueira de Ramuín, Carballeda de Avia, A Bola, Rois, San Sadurniño, Culleredo, Cospeito, Begonte, Mondariz e Tomiño.

O BNG denuncia coacción aos concellos
O xerente do Consorcio facía estas declaracións logo de que o portavoz parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, avisase de que este organismo estaba a "coaccionar" a algúns concellos para que apostasen pola xestión privada dos centros de día que deixara comprometidos o bipartito. Segundo explicou, a Xunta "véndelles como vantaxe" aos responsábeis municipais o feito de que a selección e a xestión correría a cargo da empresa privada, polo que así "poderían meter a quen eles quixeran", explicou.

Aymerich puxo de manifesto que esta decisión suporá "incumprir os convenios" que o Consorcio xa pechara cos concellos e avisou de que un cambio de xestión modificará o sistema de "servizos homoxéneos" que se ofrecían até o de agora.


Ligazóns

3.2/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: