Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
SECTOR LÁCTEO

O conselleiro de Medio Rural non recibirá os gandeiros

Actos como o deitado do leite de varias cisternas ou a aparición de rodas pinchadas entre os tractores incrementan a tensión na segunda semana de mobilizacións.

Redacción - 18:42 14/12/2009
Gandeiros Unidos, na tractorada de xuño

Gandeiros Unidos, na tractorada de xuño

O pulso continúa e Gandeiros Unidos non o quere dar por perdido. Logo dunha semana de mobilizacións, o colectivo asegura estar máis forte que nunca e reitera unha e outra vez que para casa non se van sen unha resposta satisfactoria. Logo da chegada esta fin se semana de medio cento de tractores máis a Compostela, na actualidade a explanada de Salgueiriños está ateigada cuns 500 vehículos agrarios que, de momento, teñen permiso de estacionamento para unha semana máis. Ademais de exixir a convocatoria dunha xuntanza coa industria e a distribución sen máis intermediarios que a Administración, a marcha ameaza xa o status quo do sindicalismo agrario galego.

Juárez non os recibe
Logo de protestas en tractor e a pé, Gandeiros Unidos non conseguiu máis que unha xuntanza cos responsábeis parlamentarios de cada partido e co director xeral de Produción Agropecuaria, Xosé Álvarez Robledo. Aos primeiros entregáronlles un escrito con dez puntos nos que propoñen actuacións para defender o sector lácteo e as reivindicacións á industria leiteira e á distribución comercial. Do segundo, segundo explican, pouco máis que boas intencións.

Mentres, o máximo responsábel do Medio Rural, Samuel Juárez, xa desbotou unha xuntanza cos manifestantes alegando que "non é apropiado crear novos foros á marxe dos que xa existen". Na mesma liña asegurou que as protestas de GGUU non son "a mellor maneira de resolver estas cousas", mais pola contra "contribúe a dispersar os esforzos".

Ao tempo que rexeitaba a celebración dunha xuntanza con GGUU (principal reivindicación do colectivo), Juárez adiantou que se reunirá cos tres sindicatos agrarios (Unións Agrarias, Xóvenes Agricultores e Sindicato Labrego Galego) para estudar o grao de cumprimento actual do acordo lácteo asinado en xullo. "Hai que continuar traballando nas canles que realmente existen", dixo ao tempo que recordou que Gandeiros Unidos non foi un dos interlocutores daquel pacto. A reunión estaba prevista para este martes, máis a última hora do luns, a Xunta emitiu un comunicado no que a aprazaba até novo aviso "por problemas de última hora".

Enfrontamento sindical
Cumprida unha semana do inicio das mobilizacións e rematado o prazo que a plataforma lle dera á Xunta para fixar unha data de reunión, Gandeiros Unidos ameaza agora con paralizar a recollida de leite en todo o país. O primeiro toque de atención tivo lugar na madrugada deste luns, cando varios grupos de persoas deitaron cisternas cargadas de leite en diversos puntos da provincia da Coruña, entre eles Val do Dubra, Bembibre ou Ordes. Con todo, a organización xa se desmarcou destes actos, que atribuíron a "grupos incontrolados".

Porén, mentres ameazan con deixar as industrias sen subministro de leite, responsábeis de GGUU como Xosé Luís Ríos suxeriu que outros colectivos poderían estar detrás destes "actos vandálicos" coa intención de desacreditar a protesta. Nesa liña, tamén sitúan outros acontecementos deste luns, como a aparición de varios tractores coas rodas pinchadas. "Queren dividirnos e non o van a conseguir", dixo Ríos, quen insistiu en que "vamos a continuar aquí mentres non teñamos unha solución".

Pola súa parte, os sindicatos maioritarios do sector lácteo tamén se desmarcaron destes actos vandálicos. Tanto Unións Agrarias (UUAA) como Xóvenes Agricultores (XXAA) como o Sindicato Labrego Galego (SLG) din non ter nada que ver coa vertedura de leite e subliñan que non asumen "responsabilidade algunha vinculada aos actos orientados a presionar ou ameazar" que tiveron lugar este luns. "Que cada pau terme da súa vela", di nun comunicado o Sindicato Labrego Galego.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: