Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
POLO INCUMPRIMENTO NO PREZO DO LEITE

Gandeiros Unidos comeza de xeito unilateral unha tratorada en Compostela

Concentraranse na explanada de Salgueiriños até que o mércores comecen os actos de protesta. A mobilización non conta co apoio do resto de forzas agrarias.

Redacción - 14:38 07/12/2009

A organización Gandeiros Unidos xoga forte esta semana en Compostela. De xeito unilateral e sen o apoio das forzas sindicais tradicionais, este sindicato comeza unha concentración na que agardan a participación de perto de dous mil tratores chegados dende diferentes comarcas de Galiza.  Desta vez, anuncian unha concentración “ininterrompida” para denunciar o incumprimento do pacto lácteo ao que se chegara o pasado mes de setembro para establecer uns prezos de referencia.

Os puntos de saída dos gandeiros son denden Santa Comba, Lalín, Arzúa, Ordes, A Laracha e Vilalba. A forza agraria convocante anuncia que dende a tarde deste luns os tratores van quedar acantonados na explanada de Salgueiriños. A partir do vindeiro mércores comezarán actos de protesta contra as distribuidores e as industrias leiteiras, á vez que prevén unha saída de vehículos ás rúas da capital de Galiza.

As tres principais organizacións do país Sindicato Labrego, Unións Agrarias e Xóvenes Agricultores non van participar na mobilización. As razóns son diferentes. O SLG, que xa non asinara hai meses o pacto asegurando que non se ía cumprir, mantén que o único modelo válido é o establecemento de prezos mínimos reais. A súa principal dirixente, Carme Freire, entende que a convocatoria de protesta non vai servir de nada porque o acordo que se reivindica non soluciona o problema, como se ten demostrado nestes meses.

Polémica entre as diferentes organizacións
O pulso que pretende levar a cabo Gandeiros Unidos vai servir para demostrar o apoio real que ten a organización máis nova das que funcionan no país. Con presenza anterior en Asturias, Cantabria, Eukadi e León, este novo sindicato botou a andar en Galiza. Aínda que ten presenza en diferentes comarcas, o seu músculo de afiliados radica nas comarcas de Xallas, Ordes e Deza.

As restantes forzas sindicais ven “escuras intencións” no nacemento desta organización na que, ademais de gandeiros, tamén participan grandes vendedores de pensos e doutras empresas relacionadas co agro.  Gandeiros Unidos ataca aos outros sindicatos acusándoos de estaren “politizados” e de non defender os intereses reais dos produtores.


1.8/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: