Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
POR UN DELITO DE CALUMNIAS E INXURIAS

O xuíz decano da Coruña denuncia ao presidente da Mesa

É o mesmo maxistrado que denunciara a un cidadán logo de que este solicitase recibir as notificacións en galego e co topónimo oficial.

Redacción - 17:50 11/06/2009
A Mesa acusa a Fraga Mandián de tratar de demonizar a asociación

A Mesa acusa a Fraga Mandián de tratar de demonizar a asociación

Antonio Fraga Mandían, xuíz decano da Coruña, denunciou a Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, por un delito de calumnias e inxurias. Os feitos remóntanse a hai un ano, cando o maxistrado denunciara a un veciño da Coruña despois de que este solicitase recibir as notificacións en galego e co topónimo oficial. Na vista, Fraga Mandián dixera que non tiña "ningún rubor en usar o topónimo La Coruña". Callón contestou, ante os medios de comunicación, que consideraba esta afirmación "unha apoloxía de desobediencia da legalidade, especialmente grave ao se tratar dun maxistrado, quen non debería guiarse por ningún outro criterio na súa función pública que non fose o da plena aplicación da lei". Estas son as declaracións polas que, agora, o xuíz denunciou ao presidente da Mesa.

No escrito, "La Coruña"
A Mesa pola Normalización Lingüística subliña que a actual denuncia tamén volve a estar asinada en "La Coruña". O feito cobra aínda máis importancia logo de que, naquela ocasión, despois de que o veciño coruñés solicitase a súa notificación xudicial en galego e co topónimo oficial, Fraga Mandián negoulle o primeiro e considerou que o uso de "La Coruña" na carta e no carimbo non fora máis que un erro ortográfico.

Ante esta situación, Callón pregúntase "por que ao señor Fraga Mandián só parecen valerlle as leis que lle son útiles: bota man das que lle permiten denunciar por supostas calumnias, mais fai caso omiso doutras, como as que regulan os topónimos oficiais?"

Concentración de apoio
Carlos Callón está citado para comparecer o vindeiro xoves 17 de xuño nos xulgados de Santiago de Compostela. Para ese día, a Mesa organiza unha concentración de apoio: "se agardan que calemos a boca e deixemos de defender a nosa lingua, poden seguir agardando", di o presidente. Para o colectivo, esta denuncia "encádrase nunha campaña máis ampla de demonización da nosa asociación, que vimos sufrindo cunha virulencia inusitada nos últimos meses".


Ligazóns

4,75/5 (20 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: