Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
A asociación conseguiu 280 novas altas en 2008

Candidatura única para a xestora d'A Mesa pola Normalización Lingüística

É continuadora da actual, con Carlos Callón como presidente, Fran Rei como vicepresidente e coordinador de zonas, Iria Taibo como secretaria e Susana Romero como vogal.

Redacción - 19:30 23/03/2009
Imaxe da nova campaña de captación de socios d'A Mesa

Imaxe da nova campaña de captación de socios d'A Mesa

A Mesa pola Normalización Lingüística realiza, o vindeiro sábado día 28 de marzo, unha Asemblea Xeral de Socios, da que, entre outras cousas, sairá a nova Comisión Permanente para os vindeiros tres anos e unha nova proposta para mudar os seus estatutos.

A única candidatura presentada para dirixir a organización é continuadora da actual, con Carlos Callón como presidente, Fran Rei como vicepresidente e coordinador de zonas, Iria Taibo como secretaria xeral e Susana Romero como vogal. Ademais da Comisión Permanente, con funcións máis executivas, na Asemblea Xeral proporase a creación dun novo órgano de dirección, que se denominará Xunta Directiva, e que estará constituída polos membros da Comisión Permanente, os responsábeis das diferentes seccións da Mesa e as coordinadoras e coordinadores das zonas. Nesta liña, dende A Mesa lembran a dinámica que colleron, nos últimos anos, os grupos locais de comarcais, que ademais, nos vindeiros meses terán máis participación nas dinámicas da asociación.

"Fas máis falta que nunca!"
Ademais, para os responsábeis desta organización, a Asemblea chega nun momento "especialmente delicado" para a situación da lingua galega, perante as "ameazas de involución que formula o PP, cun auténtico plan de extinción do galego contra o que cómpre reaxir". Así, o principal reto formulado para o futuro próximo é "evitar o desmantelamento da protección xurídica do galego". Con ese obxectivo, convocaron unha manifestación para o vindeiro 17 de maio. Antes da xuntanza -que será aberta e que se desenvolverá ás 19.30 horas no Auditorio de Galicia-, haberá varias pequenas reunións locais. Horas e lugares poden consultarse na web d'A Mesa pola Normalización Lingüística.

A Mesa traballa dende 1986 na defensa da nosa lingua, e ten hoxe en día, 3.500 socios e socias. No último ano, ademais, 280 persoas solicitaron a súa entrada na asociación, e para que esta liña crecente perdure, os responsábeis d'A Mesa puxeron en andamento unha nova campaña co lema "Fas máis falta que nunca!", unha iniciativa de captación de socios que está a ser apoiada na rede, sobre todo por blogs.


5/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: