Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DESPOIS DE CAJA-CASTILLA LA MANCHA

As caixas galegas, poderán aguantar a crise?

A CIG Banca e Aforro reafirma que a mellor solución para garantir a viabilidade das entidades é un maior control público.

Redacción - 19:15 30/03/2009

Logo da intervención de Caja-Castilla La Mancha (CCM) polo Banco de España, tanto Caixa Galicia como Caixanova apuráronse a garantir as súas condicións de solidez, liquidez e solvencia que as afastaría de atoparse nunha situación semellante. Ademais, precisaron que, a diferenza doutras Comunidades Autónomas, as caixas galegas "non están politizadas" porque a lexislación fixa no 25% o tope de representación política nos seus órganos de goberno.

Con todo, esta suposta politización, derivada da presenza pública nos órganos de goberno das caixas non estaría detrás da súa crise, segundo explica a CIG Banca e Aforro. Dende esta organización, poñen a mirada na "falta de supervisión e control" que, para eles, estaría na base de toda inestabilidade. Así o asegura Clodomiro Montero, secretario nacional da CIG Banca e Aforro, quen subliña que o actual "é un modelo de xestión baseado na expansión territorial asociada ao pelotazo do ladrillo, un modelo impulsado polo lobby dos xestores das Caixas de Aforros, dende a CECA. Por iso, para Montero, a solución aos problemas pasaría pola "nacionalización do sector financeiro para evitar a creba do sistema".

A intervención do Banco de España, tan só un parche
Segundo esta visión, a decisión tomada polo Banco de España de intervir a CCM non sería máis que un apaño ante a "maltreita situación do sistema financeiro español". Así, recordan que "mentres no resto do mundo se debate sobre a necesidade urxente de regular os sistemas financeiros e, polo tanto, a actividade das entidades, no Estado e en Galiza, partindo da falsa premisa da solvencia das entidades, optouse por non mudar o modelo".

Ante esta situación, a CIG demanda ademais da nacionalización da banca, a reforma da actual "lexislación de mínimos da Lei Galega de Caixas de Aforros"; a "posta en marcha dunha Banca Pública que supla as maltreitas entidades privadas ou en fase de privatización". Finalmente, destaca que "hai que distinguir claramente entre intervencionismo partidista e control público: o primeiro é un cancro; o segundo non só é necesario, senón que é inevitábel".

Desconfianza
Así as cousas, os clientes con depósitos bancarios nas dúas caixas galegas xa trasladaron as súas inquietudes á delegación en Galiza da Asociación de Usuarios de Servizos Bancarios, quen asegurou que "a priori non hai indicios de ningún problema", aínda que subliñou que "no futuro, non se sabe".

Ambas as dúas entidades presentaron os seus resultados de 2008 en febreiro. O grupo Caixa Galicia obtivo entón un beneficio de 212 millóns de euros, un 47% menos que no exercicio anterior por mor do aumento dos fondos adicados a provisións. Pola súa banda, Caixanova gañou o pasado ano 178,6 millóns de euros, un 0,32% máis que no exercicio anterior. Agora, a piques de concluír o mes de marzo, coñeceranse en breve os balances de resultados correspondentes ao primeiro trimestre do ano, uns datos que darán unha imaxe máis exacta da situación na que se atopan as entidades galegas.

O futuro debátese así entre as mensaxes de tranquilidade que envían os xestores ou o ministro de Economía, Pedro Solbes, quen dixo que descartaba "polo momento" problemas noutras entidades e a fortaleza que demostren as propias caixas: aquelas que non souberon manexar a súa exposición ao sector inmobiliario veranse abocadas a unha absorción por parte doutra máis saneada ou a unha nova intervención directa por parte do Banco de España.


Ligazóns

3.4/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Caixanova conseguiu en 2008 uns beneficios despois de impostos de 178,6 millóns de euros
Caixanova conseguiu en 2008 uns beneficios despois de impostos de 178,6 millóns de euros
Caixa Galicia obtivo unhas ganancias de 212 millóns de euros en 2008
Caixa Galicia obtivo unhas ganancias de 212 millóns de euros en 2008