Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Alternativa "virtual" en Castela e León

Acelera a fusión das caixas vascas e frea a das andaluzas

Co debate conxelado en Galiza, en Euskadi a BBK e Kutxa apuran o paso para a unión. Mentres, en Andalucía as entidades seguen descolgándose do proceso.

R.N - 13:40 30/10/2008
O presidente de Euskadi nun acto xunto cos deputados xerais e os presidentes das caixas vascas

O presidente de Euskadi nun acto xunto cos deputados xerais e os presidentes das caixas vascas

As entidades Kutxa e BBK inician esta semana formalmente o proceso de fusión. O documento que fixa os pasos a dar e debulla as características a ter en conta no proceso é así aprobado por parte dos seus consellos de administración este mesmo xoves. A proposta necesitará posteriormente a beizón das respectivas asembleas das caixas. Culminaría así un complicado proceso de negociación onde foi necesario o consenso de diversos actores políticos e sindicais. No caso de BBK, a entidade biscaíña contou coa maioría necesaria despois do acordo da representación de PNV, EA e CCOO para botar adiante a fusión. Máis difícil será na entidade guipuscoana, a Kutxa, onde aínda non existe a suma mínima necesaria.

Será unha fusión así limitada a BBK e Kutxa, quedando fóra Caja Vital, debido ao bloqueo que o PP e o PSOE manteñen en Araba a este proceso grazas ao control do consello de administración desta entidade. O lehendakari, Juan José Ibarretxe, tense referido criticamente á posición de socialistas e populares, recomendándolles que traten o asunto desde un punto de vista estritamente económico evitando distorsións políticas.

Nun futuro, alén da integración da Vital, os medios vascos teñen especulado coa posibilidade de que a CAN, de Nafarroa, entre a formar parte dun proxecto común. Na actualidade existe xa a chamada Federación de Caixas de Aforro Vasco-Navarras, que agrupa a todas elas. Porén, sería necesaria unha modificación legal a nivel estatal para permitir unha fusión de entidades baixo gobernos diferentes. Unha modificación que o propio presidente do Banco de España xa prognosticou nalgunha ocasión que se podería levar a cabo a curto prazo.

Falta de vontade nas entidades andaluzas
Por outro lado, a intención do goberno andaluz de conseguir a unión das cinco caixas do seu territorio nunha soa entidade, sufriu esta semana un novo freo. Desta volta é Caja Granada a que dá un paso atrás no proceso, despois das declaracións este mércores do seu presidente en contra da participación na iniciativa.

Anteriormente xa expresara as súas reticencias Cajasur. Esta é de feito a única que non controla o PSOE, unha pedra no camiño coa que o goberno de Manuel Chaves xa contaba, malia que o presidente andaluz chamou en diversas ocasións ao PP a un "gran acordo político" ao respecto, para impulsar a fusión das caixas. No caso da entidade granadina, o feito de que as diverxencias xurdan dentro das propias filas socialistas, complica o proceso.

De momento, Unicaja parece a única entidade decidida a lanzar a aposta da fusión, e na súa condición de principal caixa en volume de negocio estaría chamada a liderar o proceso. No entanto, o liderado aparece máis disputado nos últimos tempos despois da fusión previa que as caixas sevillanas, El Monte e Caja San Fernando, completaron para dar lugar a Cajasol. Precisamente, a posición de Cajasol no proceso está determinada por isto, xa que os seus xestores preferirían completar a integración recente antes de saltar a unha nova fusión a cinco.

En Castela e León, fusión "virtual"
No canto dun proceso completo, en Castela e León PP e PSOE pactaron un modelo alternativo, denominado proxecto de fusión "virtual", co que aseguran que se reforzará o sistema financeiro do territorio.

Paradoxalmente, os responsábeis das seis caixas afectadas (Caja Burgos, Caja España, Caja Círculo, Caja Duero, Caja Segovia e Caja Ávila), teñen manifestado á prensa local a súa incomodidade pola ocultación dos detalles e as consecuencias prácticas do que socialistas e populares pretenden bautizar como "Grupo de Cajas de Castilla y León". Trátase dun modelo alternativo á fracasada fusión que propón crear un órgano xestor común que defina as liñas estratéxicas xerais das entidades e controlaría os recursos e participacións industriais conxuntos de todas elas.


4/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: