Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
CABODANO DA SÚA MORTE

Seis anos sen González-Millán

En novembro de 2002 o profesor gorvense faleceu nun accidente de tráfico en Nova York. Recuperamos o que daquela escribiron os seus amigos e compañeiros.

Redacción - 13:00 20/11/2008

Nestes tempos nos que se fala tanto de 'internacionalización' cómpre lembrar a Xoán González-Millán, un dos principais dinamizadores da cultura galega nas universidades estranxeiras. Gran difusor da literatura galega no mundo e importador das correntes máis modernas do estudio da literatura, foi autor de Communication littéraire et Culture en Galice (con Antón Figueroa) e de diversos artigos sobre o papel da literatura na conformación das nacionalidades. Millán foi tamén presidente da Asociación Internacional de Estudios Galegos. Hai seis anos el e a súa dona, Esperanza Canedo, morreron nun accidente de tráfico en Nova York, onde el era profesor universitario. Foi tamén o mes do Prestige.

A súa perda foi causa dun profundo pesar no mundo académico galego e nos centros universitarios de cultura galega no exterior. En 2002 Vieiros publicou unha serie de artigos escritos por algúns dos seus compañeiros e amigos, como Carmén Millán, Francisco Fernández Rei, Silvia Bermúdez, Camiño Noia, Xosé María Dobarro, Gabriel Rei-Doval, Craig Patterson ou Kathleen N. March. Recollémolos de novo agora. Tamén achegamos un artigo do propio González-Millán, titulado Lexicografía e nación literaria.

O profesor Arturo Casas lembra e reivindica a González-Millán no seu blog, e xa hai uns días falaba del ao salientar a importancia de "atender os lugares nos que a academia exterior foi quen de crear polos de actividade galeguista e de promoción do coñecemento e a investigación no ámbito dos Estudos Galegos. Algo que tan ben soubo facer, con vigor colaborativo e sempre cordial, un home insubstituíbel, Xoán González-Millán".

"A traducción non era o principal tema de interés de Xoán, mais a súa curiosidade intelectual e o seu incansable espírito inquisitivo levárono a prestarlle atención a esta práctica social. El soubo decatarse da súa importancia, e salientar os retos que contextos coma o galego impoñen a nivel teórico. Decateime de que había moito por facer"
Xoán González-Millán: intelectual, mestre e amigo (Carmen Millán Varela)

"Foi el quen coidara a cátedra de galego en Nova York e moito axudou a manter os vencellos entre o outro país de moitos emigrantes galegos e Galicia. Fillo de O Grove, xa establecido no corazón dese país como profesor e estudioso, foi un dos contribuíntes máis importantes á modernización e ampliación dos estudios literarios en relación con Galicia. A crítica literaria galega debe-lle moito máis do que se pode expresar nesta homilía".
González-Millán, terceiro presidente da AIEG (Kathleen N. March)

"Polo visto vas vir descansar ás augas da Arousa, despois de seres embaixador -calado pero efectivo embaixador- da cultura galega, e de Galicia, en Nova York. Moitos podemos dar fe do teu labor de excelente embaixador nesa vila que está á altura de Vigo. Como sei que vas chegar e non vas avisar, xa che dixen a unha miña amiga -das que enredaba de nena contigo na praza de Arriba- que me fixera o acordante".
Carta a González-Millán, onde queira que estea (Paco Fernández Rei)

"A marca indeleble dunha das súas visitas quedou recollida para a posteridade co título "Nacionalismo y teoría del campo literario: la experiencia gallega de las últimas décadas" no volume titulado From Stateless Nations to Postnational Spain / De naciones sin estado a la Espanya postancional e que xunto a súa incomparable "Resistencia cultural e diferencia historica: A experiencia da subalternidade" son paradigmas referenciais ineludibles para os estudios culturais galegos".
Nada de Galicia lle era alleo a X. González-Millán (Silvia Bermúdez)

"Quero sobrancear dous aspectos do labor intelectual de González-Millán, ó meu ver, fundamentais para os estudios de crítica literaria galega: En primeiro lugar, a construcción dun corpus teórico de análise sobre o sistema literario baseado en elementos da socioloxía da literatura e da concepción de linguas minorizadas (...) E en segundo lugar, e relacionado co anterior, na obra de Millán hai que salientar a posta en circulación no mundo literario galego das teorías de autores americanos que traballaron sobre minorías lingüísticas e sobre producción editorial da literatura".
Aínda que xa nada importe o que digamos (Camiño Noia)

"O impacto da noticia e a lembranza do amigo ido lévanme a escribir con certa premura estas liñas e a priorizalas, pois, lamentablemente, o verquido segue medrando e vai dar pé a falar moito máis aínda. E son consciente de que o que vou dicir necesariamente vai saír directamente do corazón e pouco filtrado pola cabeza, como gusto -ou, cando menos, gustaría- de facer as cousas".
Morte cruel, esa treidora maña (Xosé María Dobarro)

"Ó día seguinte recibín a súa sempre atenta mensaxe desde Nova York, que aínda resoa no meu corazón, dicíndome que "aínda ten moito sentido (agora quizais máis ca nunca) conservar e cultivar ó máximo esa xenerosidade da que ti falas, e que para min é a porta da amizade".
A porta da amizade (Gabriel Rei-Doval)

"Xoán, fuches un faro do galeguismo para nós alá en América. Non deixabas nunca de inspirarnos e de animarnos cos teus numerosos proxectos, e a túa lembranza seguirá resplandecendo coa brillantez que te caracterizou sempre. Cando pensemos en Nova York, cando baixemos pola Fifth Avenue, cando pensemos en Galicia e no Grove, sempre, sempre pensaremos en ti e na túa chama inmorredoira e afectiva".
Amigo Xoán (Craig Patterson)

Bibliografía galega de Xoán González-Millán
Lexicografía e nación literaria (Xoán González-Millán)


4,44/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: