Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Amigo Xoán

Por Craig Patterson
Lector de Galego na University of Birmingham

- 07:17 28/11/2002
Tags:

Estivo connosco a semana pasada, en Oxford, para examina-la miña tese de doutoramento, coa que tanto me axudara, e que el tanto inspirou, como inspiraba a tódolos que tiña arredor seu. Había un ano ou máis que non nos viamos, pero parecía tan vital, tan animado coma sempre cando nos saudamos de novo nunha sala oxoniense. Tiña mais enerxía ca dez de nós xuntos, pero non a gardaba para si mesmo: repartíaa, transmitíaa con toda a bondade e xenerosidade que o marcaban como persoa singular. Despois da tese, defendida e moi mellorada polos seus comentarios agasalleiros, abrazámonos (¡ti mais ledo ca min!) e tomamos champaña e falamos das nosas cousas, do galeguismo triangular que se estende dende Inglaterra a Nova York e a Galicia.

Xoán, fuches un faro do galeguismo para nós alá en América. Non deixabas nunca de inspirarnos e de animarnos cos teus numerosos proxectos, e a túa lembranza seguirá resplandecendo coa brillantez que te caracterizou sempre. Cando pensemos en Nova York, cando baixemos pola Fifth Avenue, cando pensemos en Galicia e no Grove, sempre, sempre pensaremos en ti e na túa chama inmorredoira e afectiva. Entusiasmabas, non latricabas. Facías, non falabas. Unías, non dividías. Aquela tese pola que atravesáche-lo Atlántico, o meu humilde proxecto sobre don Ramón, a ti cha dedico, amigo; quero que saibas, antes de despedírmonos, que cando pense en Galicia pensarei sempre en ti, forever in Galicia. Adeus, my friend and teacher.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: