O máis importante de todos os teóricos da literatura galegos, Xoán González-Millán, faleceu esta fin de semana en Nova York, nun accidente de tráfico. O estudioso grovense, de 51 anos, era profesor da Universidade da Cidade de Nova York, e aínda gañara en 2001 o Premio da Crítica por Resistencia cultural e diferencia histórica. Gran difusor da literatura galega no mundo e importador das correntes máis modernas do estudio da literatura, era autor de Communication littéraire et Culture en Galice (con Antón Figueroa) e de diversos artigos sobre o papel da literatura na conformación das nacionalidades. As súas cinsas e mais as da súa dona esparexeranse no mar do Grove. Millán foi tamén presidente da Asociación Internacional de Estudios Galegos, e o Canal Estudios Galegos -que edita este colectivo- vén de habilitar un espacio no seu foro para adhesións e semblanzas.
.