Vieiros

Vieiros de meu Perfil


LUGAR DOS ROMANZINHOS

O presidente eleito

11:23 17/01/2009

Barack Obama asumirá este 20 de xaneiro a súa responsabilidade como Presidente dos EEUU. Todos os que estivemos en contra da política de George Bush celebramos a mudanza na Casa Branca, tanto máis cando a condición afroamericana do elexido revoluciona un aspecto crucial da historia dese país.

A campaña de Obama fundamentouse na idea de acabar co dominio dun Washington tomado como o símbolo da vella política partidista e dos grupos de presión, metendo no saco a todas as presidencias anteriores, salvando apenas á republicana de Ronald Reagan. Fóra dos EEUU a idea do candidato como un "salvador", trasladada desde medios de comunicación norteamericanos aos de todo o mundo, principalmente aos de Europa, foi partillada mesmo por xente contraria ao que se adoita tomar como imperalismo norteamericano, converténdose en dominante. Apareceron obamas a moreas.

Gañadas as eleccións, acometeu a preparación das primeiras medidas de governo e, desmentindo o proclamado, designou un equipo de governo inzado de persoas do mundo washingtoniano e da Administración do Presidente Clinton. O cambio, dixo, era el. Aducindo o respeito as regras estabelecidos, os seus portavoces vocearon que entrementres non tomase posesión só había un Presidente.

Porén, presentou un plano de investimentos nas infraestruturas e servizos públicos, de apoio financeiro ás empresas e de creación de emprego, que xa está considerando o Congreso; o seu Vicepresidente viaxou a Asia e el mesmo mantivo unha reunión co Presidente de México, sen o bombardeo de Israel a unha Gaza encerrada nun campo de concentración, causando xa máis de mil mortos e cinco mil feridos, merecer unha atención que podería ser decisiva para parar unha guerra cruel.

Agora entre os glorificadores de Obama como salvador líder mundial comezan a emerxer voces que lembran que é un ser humano, que ten mesmo fallos humanos, e que a situación á que se enfrenta é moi complicada. Disque á marxe de manobra da que dispón, vai ser moi estreita e que dificilmente poderá cumprir un programa que antes celebraban como moi ambicioso, sen parar, mentres, en que non era tal nin na política interior, nin na política internacional. Os que comezan a pór en causa a súa presidencia están especialmente entre os que suspendendo todo xuízo crítico lle atribuíran virtudes e propósitos mesiánicos. Pode non tardar o momento en que substitúan a moda do candidato salvador pola crítica reaccionaria ou fundamentalista.

Os que queriamos a derrota á política ultraliberal e militarista do presidente republicano dos EEUU, e pensabamos que entre os demócratas Barack Obama non era o mellor candidato, non entraremos nese xogo. Con soños ben diferentes dos estadounidenses, seguiremos anceiando que o novo presidente consiga estabelecer no seu país unha política social pública da que desgrazadamente carece, que a súa sexa unha nación máis entre as máis poderosas procurando a erradicación da pobreza e da opresión no planeta, esperando que asuma que os problemas do mundo non poden ser resoltos mediante a guerra, senón através do diálogo e en paz, respeitando os direitos humanos. Emprendendo sen demora unha acción conxunta coa Unión Europea e os Estados de Medio Oriente para acabar coa traxedia palestina, garantindo a existencia de dous Estados plenamente soberanos.

3,63/5 (43 votos)



Camilo Nogueira (foto pequena)

Camilo Nogueira

Camilo Nogueira Román naceu en Lavadores (Vigo) en 1936. Enxeñeiro industrial e economista, foi eurodeputado polo BNG entre os anos 1999 e 2004.



Máis opinións