Vieiros

Vieiros de meu Perfil


LUGAR DOS ROMANZINHOS

Desconcerto

12:30 21/07/2009

Gañadas as eleicións autonómicas, ainda que perdidas en votos populares, o Partido Popular actua como se Galiza non contar coa experiencia de 28 anos de autonomía. Negándolle o carácter de nacionalidade, non repara en que isto supón negar a Constituición.

Aceitando a idea dunha fusión entre Caja Madrid, Caja del Mediterraneo e Caixa Galicia difundida polos responsábeis do PP compórtase como se a responsabilidade do Governo Galego pudese ser anulada pola direción dun partido en Madrid. Mira para outro lado ante os problemas do leite, do sector do metal. Non lle preocupa a emigración (Madrid, Barcelona, Canarias, Londres, Berlin, Xenebra…) de tantos mozos, tan preparados e tan conscientes de Galiza como a súa nación. En lugar de reclamar unha maior capacidade fiscal, afronta as negociacións do financiamento autonómico como se Galiza fose un país pobre, e raro, necesitado de apoios exteriores para sobreviver. Actua como se o feito de o castelán ser a lingua oficial do Estado, que aquí todos coñecemos, lle dera o carácter de língua propria que pertence ao galego por historia, realidade presente e recoñecimento estatutario. Comportánse como un conxunto de individuos malcriados, inimigos da língua dos seus pais e dos seus avós. 

Nunca se víu até agora, e non será doado dar con semellanzas noutros paises, un caso tan evidente dun Governo elexido que non sabe facer outra cousa máis que destruir. Non só arruinar boa parte do traballo do Governo anterior, senón indo máis alá, demolir elementos básicos do feito desde 1981 sobre a base dun proxecto de país foi expresado tanto polos que teñen a Galiza por nación como por aqueles teñen outra visión e recoñecido por todos como bó para a sociedade galega.

Perdidas as eleicións por PSOE e BNG -faltóulles aos nacionalistas o deputado que en 2005 lles outorgara a maioría-, ainda que gañaron en votos populares, estas organizacións políticas compartillan co PP un desconcerto postraumático. Procuran as causas do deputado perdido facendo fincapé no uso polo PP e polas instituicións afíns, en plena campaña eleitoral, de falsedades e métodos porcos, cousa certa. Mais están orfos ainda dunha reflexión sobre as razóns de non teren empreendido nengunha acción relevante que definira a un Governo de socialistas e nacionalistas de esquerda, diferenciándoo nitidamente dos anteriores do Partido Popular, para alén da mellor xestión que puderon realizar en certos ámbitos de governo. Debendo dispor dunha maioría ampla e indiscutíbel, as organizacións que sustentaron o Governo bipartito chegaron ao momento eleitoral en precario, expostas ás intoxicacións das entidades e medios da direita, sen solventar siquer desencontros que revelaran a febleza dos acordos e da estrutura governamental que partillaran.

Agora o PSdG-PSOE galego voltou ao anonimato. Perdido o centro de poder autonómico ficou reduzido a servir de eco do partido estatal, sen asumir o perfil proprio que Galiza necesita e que reclaman muitos dos seus afiliados, vivindo en todo o caso na ilusión dun suposto galeguismo interpretado como contrario á conceición de Galiza como nación.

O BNG non sabe ainda que dicer. Tomou na Asemblea Nacional e por ampla maioría a decisión de mostrarse como unha organización nacionalista e de esquerdas, parecendo afastarse de  formulacións dun morno centrismo galeguista, atento sobre todo á idea de ter peso en Madrid. Porén, o documento aprobado conxuntamente polas dúas correntes gañadoras na Asemblea non parece servir de base para unha interpretación común das causas da perda do Governo, nen para esclarecer o camiño a percorrer para recuperalo e muito menos para fundamentar unha visión adecuada da realidade de Galiza e do mundo de hoxe. Tampouco para formular unha estrutura do BNG que permitir loitar democraticamente pola hexemonía política. Non se realizou ainda pola direción do Bloque unha lectura -sinto ter que redundar nisto-, sobre o sucedido desde 1997 e 2001, cando era a primeira forza política da esquerda. Carente daquela dunha interpretación avanzada tanto desde o ponto de vista nacional, como da prática democrática e social, nunha Galiza que partillaba a doble condición de nación negada e de sociedade nacional de carácter urbano e industrial, sen prexuizo da importancia da agricultura e da pesca, o BNG empreendeu un camiño errado. Desorientada, a organización política que se asume a sí mesma con razón histórica como a de maior responsabilidade na emancipación nacional e social de Galiza viu como baixaba sistematicamente na apreciación eleitoral, pretendendo ademais responsábeis principais que o nacionalismo galego vivía unha idade case de ouro.

Agora, ante a crise económica e o problema do financiamento autonómico, o BNG participa da desconcerto das demais forzas políticas. Frente ás percepcións tópicas -a Galiza avellentada,  dispersa, excéntrica…- sobre o carácter da sociedade galega, era ao Bloque a quen lle correspondía principalmente defender que apesar da crise demográfica causada pola marxinación política e económica secular, (en 1800 Galiza tiña o doble da povoación de Cataluña, en 1900 unha cifra semellante e en 2000 duas veces e media menos), crise que segue a ser o principal problema do noso país, a sociedade galega non está hoxe nunha situación de pobreza. Polo esforzo da sociedade e malia as políticas marxinadoras do Estado español, a estrutura económica de Galiza ten neste momento un carácter mais avanzado que o da esmagadora maioría das CCAA do Estado, e conta con un nível de internacionalización superior ao de praticamente todas elas, incluidas Cataluña e Madrid. Correspondíalle ao BNG manter claramente a posición de que Galiza pode estar nun Estado plurinacional e contribuir no preciso para mantelo, exixindo consecuentemente o autogoverno fiscal, defendendo que pola súa economía, o seu carácter humano e xeográfico e a súa língua, tan propria como universal, é unha nación en sí mesma, unha nación no mundo. Se o fixer encontraría os apoios necesarios nun país máis preparado que nunca para o autogoverno. 

Non estaría demais sustentar isto frente ás posicións que razoan en función do tamaño relativo de Galiza na povoación estatal e reclaman a rendición ante a evidencia da demografía de Andalucía, Madrid ou Cataluña (frente á especial crise da economía española serálles mui difícil absorber aos millóns de traballadores da povoación imigrante que agora os favorece no financiamento autonómico). Depois de todo, mirando non para o Guadarrama senón a para alén dos Pirineus, Galiza ten un tamaño semellante ao de Estados membros da Unión Europea que viven con unha renda por habitante mui inferior á galega. E teñen por riba 9 deputados no Parlamento Europeu.

4,69/5 (45 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Camilo Nogueira (foto pequena)

Camilo Nogueira

Camilo Nogueira Román naceu en Lavadores (Vigo) en 1936. Enxeñeiro industrial e economista, foi eurodeputado polo BNG entre os anos 1999 e 2004.



Máis opinións