Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A CERNA DO XALUNDES

Alta tensión

14:10 16/02/2008

Alta Tensión, Alberto contra Touriño. Alta Tensión, extremadamente Alta: Aznar, Acebes, Aguirre. Alta Tensión, Antoloxía da Tontudez que diría Zapatero. Zapatero quere Alta Tensión: promovería Zapatero o boicot á San Gil?

Uns berros son unha agresión? Seica. Uns berros son unha grosería. Uns berros e uns empurróns poden ser unha agresión? Para ABC, os berros daqueles vinte son moito máis. “Radicales gallegos abren otra campaña de agresiones e insultos a dirigentes del PP”. Esa foi a cabeceira da súa portada ó día seguinte. O que fai a televisión. “Esta chispa que ahora prende en Galicia...” Que esta xente aínda non se decatou de que a Zapatero lle interesa a Alta Tensión. “Esta espita de tensión contra el PP se abrió con motivo de la guerra de Irak.” Aí seguen, sementando grans nas fértiles praderías da infamia.

Xa o sabedes... A liorta daqueles vinte representa un atentado contra a democracia, unha odiosa campaña contra o Partido Popular, un acto de fascismo intolerable polo que deben pagar duro... Magnífico! Aqueles vinte, supoño, estarán de troula seguida. Montaron unha liorta e saíron en tódalas televisións. Pegaron uns berros e abriron os xornais de Madrid. O máximo rendemento no mercado da comunicación. Diola! Reproducía ABC as declaracións dunha visionaria: “Hoy te dan cuatro gritos, mañana te pegan y pasado te ponen una bomba.” Exacto! Unha progresión xeométrica altamente probábel. “Hoxe propoñen contratos leoninos para os emigrantes, mañá criminalizan os nenos de doce anos, e pasado xustifican Guantánamo, os secuestros preventivos e a tortura selectiva.”

A infamia continúa... Porque, naturalmente, a responsabilidade desta execrábel acción contra a vontade popular, a culpa última deste abominábel exercicio contra a liberdade e a paz, reside no nacionalismo galego. Sen dúbida! En quen senón? O Goberno galego fica desacreditado ante o electorado galego e ante as institucións españolas. O Goberno galego é fillo dun pacto antinatura entre un partido desesperado por acadar o poder e unha organización independentista, contraria á sacra Constitución e promotora da violencia. Impecábel!

Da paranoia
A paranoia dos medios madrileños (dalgúns) aniquila calquera resto de dignidade que poida quedar nos últimos recunchos das súas redaccións. A falta do máis mínimo principio de obxectividade coloca ós medios madrileños (a algúns) na fronteira da decencia e, incluso, da legalidade. Pero non imos pedir a súa ilegalización. Imos seguir defendendo o labor do nacionalismo galego e do goberno galego. Contra a infamia. Contra o delirio. Contra a ignorancia. Farémolo sentados no asento do acougo. Porque a Zapatero lle interesa a Alta Tensión.

Os medios madrileños (algúns), os tertulianos madrileños (algúns) e os políticos madrileños (algúns) descargaron o seu máis aferruxado material bélico contra o nacionalismo galego e contra o noso goberno, ou sexa, contra o goberno galego. Outra oportunidade para Feijoo (Feixoo?), unha nova ocasión para Alberto. Que volveu desaproveitar. Feijoo volveuse decantar. Galicia ou “ese” Madrid? Podería saír na defensa das institucións galegas, da política galega, dos parlamentarios galegos. Podía aclarar en Madrid que o nacionalismo galego está dando unha lección tras outra de democracia, de lealdade institucional, de bo goberno, de sensatez, de transparencia. Pero non. Feijoo preferiu invocar a minúscula polémica dunha diminuta manifestación sobre o desenvolvemento do idioma, que xa salientara ABC o día anterior, e obstruír con tal motivo a declaración do Parlamento galego. Feijoo preferiu criticar a suposta morneza do Goberno galego cos violentos tal como fai a cotío o PP respecto do Goberno español. Feijoo preferiu, unha vez máis, o sometemento á Aznar, Acebes, Aguirre (que pinta Rajoy?) e a deslealdade coas institucións de Galicia.

Estano intentando. Uns e outros. Forzar a polarización. Pero non o van conseguir. Porque “Galiza non se polariza”. Porque hai unha alternativa que non cae na provocación, nin nas promesas arteiras, nin nas acusacións miserábeis, nin na submisión. Unha alternativa que canto máis atacada sexa, máis se fortalecerá. A única alternativa que non quere política de alta tensión. Curiosamente.

4.37/5 (19 votos)



Marcelino Fernández Mallo

Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza



Máis opinións