Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A CERNA DO XALUNDES

Búscase líder

11:08 17/11/2009

Por norma xeral, a cidadanía ten carácter gregario. Mesmo en grupos cativos, a maioría tende a buscar unha referencia que observar e seguir. A medida que as opcións de socialización aumentan e as alternativas de decisión medran, esa necesidade dun facho ou guía, crece exponencialmente. E así, os colectivos, os proxectos, as organizacións e os países, dependen en boa medida dos seus líderes, daqueles homes ou mulleres que vaian trazando o vieiro a percorrer.

Ate as últimas eleccións norteamericanas, o mundo devecía por un líder capaz de sinalar as pautas de futuro deste planeta que levaba anos xirando á valga e encarreirándose cara á súa destrución ética e incluso física. Aparte das cautelas inevitables, pódese afirmar que Barak Obama achegou un perfil rico e suxestivo que xerou a aceptación de segmentos moi distintos da comunidade mundial entre espaventos de alivio e esperanza. Desafortunadamente, en Europa non temos tal sorte e, obviando a chocalleira actividade de Sarkozy, o continente segue agardando polo referente que tanto precisa para consolidar a súa posición como bloque homoxéneo con criterio e modelo de seu.

En España, a situación revélase aínda máis desoladora: na esquerda, unha vez apagada a estrela noutrora cegadora de Zapatero, albíscase unha época de previsible perda de rumbo; na dereita, inda a saldar o tributo aznariano, o seu dirixente principal emborrállase no seu propio lameiro mentres que candidatos cun mellor perfil, Gallardón ou Rato, mantéñense acurrunchados á espera de acontecementos.

O caso no que esta colaboración quere centrarse é, naturalmente, o galego. Afondemos algo na análise. Un líder, para ser considerado tal, debe cumprir unha xeira de características, en primeiro lugar de caste moral: debe ser alguén no que podermos confiar. Debe, así mesmo, ofrecer equilibrio emocional, ecuanimidade de criterio, carácter emprendedor e capacidade para convencer e mobilizar. Mais se cadra, o seu requisito esencial sexa a identificación da súa persoa co proxecto, a confianza que poña nel e o seu compromiso para facelo respectar e progresar.

Comprobamos tristemente como o actual presidente galego incumpre a maioría dos criterios demandados. De gravidade especial resulta a súa falta de identificación co “proxecto Galicia” e a súa nula capacidade para emprender iniciativas de futuro e progreso (talvez as súas opcións de liderado estean xogándose no asunto das Caixas). Detrás do Sr. Presidente, no goberno, o baleiro, técnicos ou incondicionais sen percorrido político posible. Nos concellos e deputacións, responsables ós que mesmo a delimitación provincial ou municipal queda enorme. No principal partido da oposición, secretario xeral ó axexo dos movementos en torno ó AVE e outras “infraestruturas”. E no nacionalismo, o voceiro non naceu para o posto, un magnífico segundo espada e unha promesa que seica tirou a toalla antes de principiar. Rabuñas entón na clase empresarial ou profesional para reforzar a sensación de deserto. Entre a clase intelectual, posicións acomodadas, erráticas ou ambiguas, con algunha excepción gratificante, de prosa brillante e aceirada, a quen se cadra non se pode cargar con responsabilidades de maior fuste.

Chegamos á conclusión de que o único candidato con condicións para tornarse líder do País terminou no faladoiro da emisora dos bispos, se cadra por outros teren acadado antes á mesma conclusión. E entón lemos unha entrevista en El País a un home sensato e sereno, con faciana de misioneiro e algo de sobrepeso, afecto ás manifestacións a prol da lingua propia. Quizais.

4.28/5 (40 votos)



Marcelino Fernández Mallo

Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza



Máis opinións