Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A CERNA DO XALUNDES

A prensa do país

09:30 05/10/2009

Nada máis a Revolución Francesa instaurar a división de poderes como fórmula de administración dos Estados, xurdiu un cuarto elemento imprevisto: a prensa. Ademais do seu papel informativo, a prensa concibiuse como un medio para educar, ou sexa, para transmitir pautas emanadas dos ámbitos lexislativo, executivo e mesmo xudicial. A teoría da comunicación fala normalmente da independencia como obxectivo dos medios, mais na realidade, tal criterio resulta unha quimera á que ninguén aspira sequera.

Se cadra foi o escándalo Watergate desvelado por The Washington Post o quilómetro cero da carreira para mudar os medios de comunicación en máquinas de influencia política. En España, velaí o efecto da campaña d'El Mundo na caída de Felipe González. En ámbolos dous casos, a intervención da prensa víase avalada pola verdade. En Galicia, o caso das últimas eleccións autonómicas presenta o agravante das informacións estaren manipuladas consonte a un plan de acción predefinido. O cal, curiosamente, non sorprendeu a ninguén.

Que papel levan xogado os medios de comunicación galegos, non xa na recuperación do poder por parte do Partido Popular, senón no mantemento da dereita no goberno e nas institucións do País durante décadas? Se cadra, unha pregunta de similar natureza podería aplicarse a caseque calquera territorio e circunstancia. Podemos cuestionar, alén do grao de acerto do goberno español actual, o futuro que lle espera ó PSOE sen o apoio do Grupo Prisa. Poderíamos calcular tamén a presenza social que acadaría o nacionalismo en Galicia con tal de recibir un tratamento similar ó que obtén o PNV do Grupo Correo ou CiU de La Vanguardia. Incluso poderiamos chegar a matinar se tería perdido Fraga as súas derradeiras eleccións de non ser difundido o desastre do Prestige de maneira acaída!

A prensa en Galicia presenta unha dicotomía aparentemente paradoxal: malia a súa atomización extrema, amosan unha pétrea cohesión editorial. Son medios de ámbito local, afíns ós grupos hexemónicos tradicionais nas súas contornas respectivas e proclives a unha forma de goberno autonómico baixo ideoloxía e métodos conservadores. Por moito que semelle imposible a súa supervivencia, velaí continúan lexislatura tras lexislatura. O sector enfronta unha dobre crise, conxuntural esóxena e estrutural endóxena. Porén, La Voz de Galicia, El Correo Gallego, Faro de Vigo, El Progreso, La Región, El Ideal Gallego ou Atlántico Diario, son cabeceiras que suman varios centos de anos de historia e planifican o seu futuro sen necesidade aparente de fondas reestruturacións.

Cabe neste punto facermos a pregunta definitiva: Pódese esperar un cambio real das pautas de funcionamento de Galicia sen unha transformación dos seus medios de comunicación? Podemos manter a esperanza dun tempo novo onde prime o interese colectivo do País se antes non mudan as súas caducas estruturas de comunicación? A semente do cambio medra en proxectos, imberbes ou xa vedraños, coma Xornal de Galicia, A Nosa Terra, Tempos Novos, A Peneira ou o propio Vieiros. Son tempos difíciles tamén para estes medios que representan a opción alternativa. En boa parte, o seu progreso depende da propia Galicia, non só dos seus cidadáns como destinatarios finais, senón especialmente das súas organizacións políticas, económicas, sociais e culturais. Apostando por unha información plural e diversa estaremos apostando tamén por un País mellor. Potencialmente, moito mellor.

4.64/5 (61 votos)



Marcelino Fernández Mallo

Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza



Máis opinións