Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Os veciños poñen alternativas enriba da mesa

Colectivos sociais ferroláns sacan á luz os furados do proxecto de Fomento para o tren a Caneliñas

Alén da presión cidadá, o propio Concello presentou alegacións aos trazados ferroviarios cara ao porto exterior.

Redacción - 09:30 17/05/2010
Tags:

"Eran tres estudos moi sesgados" e premeditadamente elaborados para privilexiar unha das opcións propostas sobre as outras dúas, e xustamente a de maior e máis grave impacto sobre o contorno. Así o crítica César Bedoya, portavoz dun conxunto de colectivos que acaba de achegar un extenso documento de alegacións ao estudo informativo de accesos ferroviarios ao porto exterior de Ferrol. Unha plataforma que en tempo récord sumou o consenso necesario co obxectivo de "non consentir" o que se considera que sería "unha nova agresión medioambiental sobre o elemento que máis en valor debera de poñerse na comarca: a Ría".

Alternativa norte
A plataforma veciñal considera que a opción lóxica sería chamada "Alternativa Norte", "a máis acorde á fin prevista e respectuosa con todos os intereses públicos afectados", e que o informe de Fomento chama a rexeitar polo seu custo superior.

Segundo os colectivos sociais, esa opción conta xa con informes favorábeis de diversos organismos, a propia Dirección Xeral de Costas entre eles, e aproveitaría infraestruturas xa executadas causando menor impacto. Ademais, o seu trazado a través de túneles paralelo ao recente corredor norte permitiría conectar varias áreas industriais e servir por exemplo de incentivo extra para a captación de empresas do Polígono de Leixa evitando novas obras no futuro, sendo tamén doada a súa conexión co Polígono Río do Pozo.

Polémico viaduto na proposta privilexiada por Fomento
Na proposta que chega coa beizón desde Madrid, inclúese a construción dun viaduto que cruza a enseada da Malata, unha posibilidade completamente rexeitada polos veciños. Considera a plataforma cidadá que se trata dun proxecto que incumpre "todos os obxectivos de normativa medioambiental" e que crearía un área de "impato crítico" onde os danos e prexuízos causados serían irreversíbeis. De xeito concreto, provocaría que as enseadas da Malata e A Cabana quedasen na práctica inservíbeis "e reducidas a unha simple esterqueira" véndose abocadas á desaparición e impedindo a recuperación dun área cun elevado potencial como viveiro marisqueiro.

A plataforma suxire que o único xeito de botar adiante esta 'alternativa sur', e así o avala co informe dunha consultora do eido das infraestruturas públicas, sería a substitución do viaduto por un túnel que partindo do peirao de Fernández Ladreda e a través do peirao carboeiro, chegaría deica a zona da Graña por baixo do mar. Recordan os colectivos sociais que se trata dunha obra factíbel xa que, na mesma área construíuse un túnel submariño que conecta o colector xeral coa estación de bombeo da Cabana.

O Concello únese ás alegacións
Ao trazado impulsado por Fomento presentou tamén alegacións finalmente o propio Concello de Ferrol. O goberno municipal entenden que a estratexia urbanística do municipio e as posibilidades de beneficiar a área industrial serían criterios abondo para que a opción escollida fose a chamada 'Alternativa Norte'.

Desde a plataforma social pregúntanlle ao ministerio acerca do "moi marcado sesgo de parcialidade en favor da execución da alternativa sur". "Leva a interrogarse sobre o por que, dando lugar a pensamentos de que a consultora redactora do estudo informativo foi dirixida para acentuar esa parcialidade por algún interese, oculto ou nnon, que, no seu caso, poderían dar lugar a que se chegara a estudar se se puidera derivar algún tipo de responsabilidade na súa actuación", expoñen.


5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: