Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Susto a pé de Reganosa

Nova faísca de inseguridade na "bomba de reloxería" da ría ferrolá

Un lume na noite do luns ao martes no complexo petroquímico contiguo á regasificadora volve meterlle o medo no corpo á veciñanza.

Redacción - 12:30 23/04/2010

No espazo dunhas ducias de metros, unha planta de gas (Reganosa) cun buque de gran tonelaxe descargando e un complexo petroquímico (Forestal del Atlántico) que almacena produtos e combustíbeis diversos. Todo a pé de vivendas particulares e no medio dunha ría en cuxo contorno próximo viven milleiros de persoas. A combinación ten sido abondo denunciada polo Comité Cidadán de Emerxencia nestas páxinas, advertindo de que calquera accidente pode provocar unha catástrofe de graves consecuencias.

E un accidente produciuse esta semana, na noite do luns para o martes, cando algunha faísca perdida prendía no interior da planta de Forestal del Atlántico. Desde a Xunta confirman que o centro de seguridade da planta comunicou co 112 pouco despois de pasada a medianoite do luns para advertir dun pequeno incendio e solicitou a presencia dos bombeiros. Oficialmente, o lume atribúeselle a unha instalación eléctrica que só tería causado que ardese un cadro de luces e uns plásticos, estando xa sufocado cando os bombeiros chegaron.

Un aviso da "bomba dentro da ría"
Para membros do Comité Cidadán de Emerxencia (CCE) é un claro aviso do elevado perigo que ten a planta regasificadora, a "bomba de reloxaría dentro da ría", tal e como a cualifican. Desde o CCE advirten de que o feito de que o lume na planta contigua de Forestal do Atlántico esixise paralizar a descarga dun buque na regasificadora é exemplo do grave que pode ser calquera pequeno accidente neste contorno.

Xa de por si perigosa polos produtos que manexa, advirten desde o CCE de que o feito de estar á beira da regasificadora multiplica a gravidade de calquera posíbel accidente no lugar. Os veciños aseguran que puideron observar como a propia descarga do gaseiro Madrid Spirit na planta de Reganosa tivo que ser paralizada. Ao fío, reclaman que a administración aclare se se puxo en marcha algún dispositivo especial de emerxencia diante da potencial catástrofe que un suceso deste tipo pode causar na zona. Desde a asociación de veciños mugardesa do Cruceiro de Meha, a súa voceira Luz Darriba recorda como exemplo da irresponsabilidade das autoridades o sucedido durante a propia construción dos tanques de Reganosa cando aconteceu outro lume e, malia os veciños estaren vendo saír o fume do lugar, nun primeiro momento teimaran en negarlles a existencia do incendio.


4.69/5 (13 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: