Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Mentres, "as traballadoras sociais desbordadas"

¡Olé, Lugo, olé!

O BNG denuncia que a Concellaría de Benestar Social, en troques de atender os casos que aumentan, organiza "Ferias sevillanas de Abril" nos centros municipais.

Redacción - 08:30 22/04/2010
A socialista Carme Basadre

A socialista Carme Basadre

O concelleiro do BNG Xosé Chorén pediu esta cuarta feira ao goberno municipal que reforce o número de traballadoras sociais, que "están desbordadas" debido ao incremento da demanda por mor da crise, atendendo unha media de 10 casos diarios, moi por riba do recomendábel. Ademais, as citas estanse a dar con demoras de dous meses.

"As traballadoras sociais son o primeiro contacto cos servizos sociais e son o nexo de unión entre as persoas que precisan de atención social e as distintas redes asistenciais, tanto a municipal como a da Xunta. Por iso, se as traballadoras sociais non poden desenvolver axeitadamente o seu labor, todos os servizos sociais se resenten", asegurou o nacionalista.

Os servizos máis afectados por este colapso son axuda a domicilio, da que se benefician 9.500 persoas; atención á dependencia, que conta con 104 usuarios neste momento; e emerxencia social, que atende a 765 beneficiarios

Feria de Abril nos centros sociais municipais

Chorén exixiulle á concelleira de Benestar Social e Igualdade, Carmen Basadre (PSOE), que atenda esta situación e centre os seus esforzos nas verdadeiras prioridades e necesidades dos Servizos Sociais, en troques de organizar "Ferias sevillanas de Abril" nos centros sociais municipais.

Ao respecto deste tipo de actos, desde o BNG criticouse que o que se desenvolve toda esta semana no Centro Social Maruja Mallo, inclúa ademais catas de viños, cando forma parte do programa municipal de ocio alternativo para menores +XTi, que procura precisamente todo o contrario: previr a iniciación no consumo de alcol por parte dos mozos e mozas de entre 12 e 16 anos.

O concelleiro nacionalista ironizou coa posibilidade de que os expertos en prevención da drogadicción que participan estes días nunha convención internacional en Lugo avalíen se son axeitadas este tipo de políticas públicas para a mocidade.


4.5/5 (24 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: