Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A iniciativa non foi admitida a trámite

Queremos Galego recollerá sinaturas a prol da lingua malia o freo do Parlamento á ILP

Para a plataforma, o bloqueo á Iniciativa Lexislativa Popular é "unha mostra máis do medio que o PP ten a que a sociedade exprese o seu apoio á lingua".

Redacción - 09:45 10/03/2010

A Plataforma Queremos Galego seguirá adiante co seu propósito de recoller sinaturas a prol da lingua galega entre a cidadanía, e farao logo de que a Mesa do Parlamento frease a iniciativa desta rede que agrupa a perto de 700 entidades sociais de todo o país. A Plataforma criticou este martes que a Cámara rexeitase a admisión a trámite da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) impulsada nos últimos meses, un texto co que se chamaba a garantir plenamente a posibilidade do uso do galego por parte dos cidadáns diante da administración, desenvolvendo o estabelecido na lei de normalización.

Desde Queremos Galego consideran que este freo á ILP é unha mostra máis "do medo que o Partido Popular ten a que a sociedade exprese de calquera maneira o seu apoio ao uso da lingua propia e oficial do noso país, mesmo utilizando e manipulando de xeito partidario institucións públicas como a Mesa do Parlamento e lexislación como a da Iniciativa lexislativa Popular para os seus fins". Recordan desde a plataforma que iniciativas anteriores foron tramitadas "sen lles seren aplicadas visións restritivas, con toda naturalidade, independentemente da súa aprobación final ou non".

Por este motivo, os colectivos integrantes da plataforma seguirán coas súas accións en defensa da lingua e entre elas incluirán a recollida de sinaturas "exactamente baixo as mesmas condicións que se faría coa ILP", e achegaranllas a todos os grupos parlamentarios ao final do proceso. Ademais, para asegurar as garantías xurídicas e velar polo cumprimento da legalidade, constituirase unha comisión xurídica formada por profesionais de diversos ámbitos do Dereito e a Xustiza. En nome da plataforma, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, chamou a cidadanía a mobilizarse "e non deixar pisar os seus dereitos lingüísticos e políticos", que dixo estaren "duplamente vulnerados ao negárselle admisión a trámite parlamentar á iniciativa".


4,56/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: