Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
LINGUA

Todas as asociacións estudantís rexeitan o decreto do galego

Mentres Feijoo fala de "rexeitamento prematuro", 15 mil alumnos comprométense a través da rede social Tuenti a parar as aulas o vindeiro xoves.

Redacción - 18:20 14/01/2010

Cando aínda falta unha semana para a folga do ensino e a mobilización contra o decreto do galego proposto polo Goberno, os diferentes actores sociais van amosando, ás claras, os seus posicionamentos. Desta volta, os que están a poñer a ferver a rede son os estudantes, que están a liderar diferentes accións na internet. As que están a demostrar máis capacidade de convencemento, en vista do número de adhesións cuantificadas, son as chamadas redes sociais que suman adeptos aos grupos máis diversos, todos eles coa defensa do galego en común.

Así, no Facebook, xa se crearon grupos como "Non á derrogación do decreto do galego" (con case catro milleiros de membros) ou citas como a de "Paremos o decretazo contra o galego" (que conta con 2.150 asistentes confirmados). Mais o máis destacado deste eventos está a ser un dos creados na rede Tuenti, máis popular entre os máis novos, que xa sumou 15 mil apoios. Dende a organización das mobilizacións do vindeiro xoves 21, Queremos Galego, felicítanse por estes movementos que vaticinan unha alta participación para a folga da vindeira semana, sobre todo tendo en conta que "só van catro días de aulas desde as vacacións de Nadal e aínda falta toda unha semana para o paro xeral do ensino". Todas as asociacións estudantis mostraron xa a súa adhesión á folga do xoves.

Para Feijoo "rexeitamento prematuro" e "propostas radicais"
Mentres, o presidente da Xunta lamentou que o borrador do novo decreto só recibise "rexeitamento prematuro" e "propostas radicais e pouco razoábeis", tales como respectar o documento aprobado polo anterior goberno bipartito: "o único que fixo unha proposta razoábel foi o Goberno", dixo.

Ao tempo pediu á oposición e ás organizacións sociais que xa manifestaron as súas discrepancias co texto que aclaren cales son os motivos do seu posicionamento. "Discrepan no equilibrio lingüístico? Na introdución do inglés? Na participación democrática de pais e alumnos?", preguntou. Ao tempo asegurou sentirse "sorprendido" polo comportamento "radical" do BNG e "preocupado" polo do PSdeG, ao que acusou de carecer de política lingüística.

Finalmente, ratificou a súa "aposta" pola introdución do inglés no ensino, para evitar que "só dominen este idioma os fillos de quen pode pagar colexios bilingües de pago" e manifestou o seu desexo de que aos mozos galegos non lles pase o mesmo que a el, que non fala inglés porque estudou "nun pequeno colexio no que non se impartía".


Ligazóns

4.91/5 (23 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: