Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Bos Aires

Denuncian novas presións da Xunta no Centro Galego para lograr apoios á xestión privada do hospital

Agrupacións de emigrantes aseguran que a Consellaría de Sanidade está a aplicar a "chantaxe" e o "afogamento financeiro".

Redacción - 10:55 29/12/2009

Varios socios do Centro Galego de Bos Aires denuncian a "chantaxe" aos que os está a someter a Xunta co obxectivo de conseguir máis apoios á xestión privada do hospital. Segundo apuntan varias agrupacións políticas da emigración de distinto signo, o Goberno "débelle á Fundación Galicia Saúde preto dun millón de euros en programas xa executados". Esa débeda, segundo denuncian, pretende "facer presión até que o vindeiro 13 de xaneiro o novo xerente da empresa asuma o control do hospital".

Esta información, facilitada polo BNG na capital arxentina, contradí as manifestacións da conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, que afirmara no Parlamento que o Goberno non lle debía cartos á Fundación. A resposta chegou despois de recibir unha carta remitida por Unión Gallega que acusaba a conselleira de "impoñer o afogamento financeiro" desa fundación para "lograr o seu obxectivo" despois de "infundir o temor nalgúns directivos do Centro Galego".

Segundo as denuncias dos emigrantes, esas tácticas de "afogamento financeiro" son "ben coñecidas en Arxentina", en referencia a operacións "levadas a cabo por Carlos Ménem para xustificar numerosas privatizacións". Esta situación obrigou a actual xerencia do centro a "aumentar o crédito dunha financeira para poder pagar soldos", o que provoca unha situación "terríbel". A tensión causou un enfrontamento entre Unión Gallega e os representantes da Xunta, por consideraren inapropiadas as "formas" empregadas polo secretario xeral de Emigración, Santiago Camba, na súa última visita a Arxentina.

Así mesmo, varios socios lembran que Pilar Farjas ten plenos poderes para decidir sobre o contrato de xestión do hospital do Centro Galego, despois de que os patróns das agrupacións afíns ao PPdeG lle concedesen un poder xeral para asinar un acordo coa empresa 3A Recoletas, o que cualifican dende Bos Aires como "un cheque en branco".


3,8/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: