Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CAMBIO DE CICLO?

Francisco Caamaño, o galeguismo chega dende Ferraz

En pouco máis de nove meses, o ministro pasou de ser un descoñecido para a militancia a converterse nun referente do PSdeG.

R.Vilar - 11:00 15/12/2009

A política ten estrañas carambolas. Que llo pregunten a Francisco Caamaño. O 24 de febreiro, mentres socialistas e nacionalistas notaban xa na caluga o alento de Feijoo, Rodríguez Zapatero anunciaba que xa tiña recambio para o controvertido Mariano Fernández Bermejo. Un home da súa máxima confianza, chegado de Cee, ocuparía o Ministerio de Xustiza. Nove meses despois, e recuperándose aínda do pau electoral, a militancia do PSdeG repite a mesma pregunta: É Caamaño o líder tantas veces soñado? O propio ministro, que publicamente afirmou que “nin se lle pasa pola cabeza” liderar os socialistas, está sorprendido polo entusiasmo que está a xerar.

Mais hai pegadas que mostran as manobras para colocar a Caamaño na primeira fila. A primeira foi o desembarco no organigrama autóctono vía PSdeG da Coruña. A primeiros de novembro, Fernández Moreda acabou de poñer contra as cordas ao seu rival Xosé Manuel Lage cando anunciou que, se el gañaba, o ministro de Xustiza sería o presidente provincial dos socialistas. O sorprendente movemento de ficha colocou a Caamaño nun posto baleiro de responsabilidades pero máis que simbólico internamente.

O segundo paso en firme producirase entre mediados de xaneiro e o mes de febreiro. Nesas datas, o PSdeG ten previsto celebrar unha Conferencia Política na que se debaterán as liñas estratéxicas para afrontar os comicios municipais de 2011. Caamaño será o encargado de deseñar o posicionamento dos socialistas sobre o autogoberno de Galiza (definición da liña galeguista e Estatuto de Autonomía).

As beizóns de Ferraz

Fontes consultadas por Vieiros dan por feito que o cada vez maior protagonismo de Caamaño en Galiza conta co prace de Madrid. O de Cee forma parte do círculo máis próximo a Rodríguez Zapatero. De feito, no seu día o presidente do goberno español confiou nel para pilotar as negociacións nun tema tan espiñento como era o do Estatut de Cataluña. Mais tamén confirman unha estreita relación co ministro de Fomento: “Moreda contou coa aprobación de Blanco para incluír a Caamaño na candidatura ao congreso provincial”.

Mentres, o actual secretario xeral “Pachi” Vázquez defende o seu espazo intentado reconstruír o partido nas comarcas. O do Carballiño sabe que para ser candidato á Xunta ten que superar con nota a proba das municipais. O máis leve dos retrocesos faría saltar polos aires o seu liderado. Internamente, o ex conselleiro bota man de estudos demoscópicos para asegurarlle aos seus que é posíbel un bo resultado electoral dentro dun ano e medio.

O candidato máis galeguista dos socialistas

Moi afastado do discurso belixerantemente antigaleguista de Paco Vázquez, ou da mornura de líderes como Pérez Touriño, a cosmovisión ideolóxica de Caamaño sorprende dentro e fóra do PSdeG. Os que máis o coñecen defenden que representa a ala do PSOE que ten unha visión máis aberta do Estado Español. Fronte ao discurso centralista, habitual en moitos dirixentes socialistas, o ceense non ten reparo en defender a necesidade de políticas activas de normalización lingüística ou a denominación de “nación” para as agora catalogadas como “nacionalidades historicas”.

Dentro dos socialistas hai voces que pensan que o discurso de Caamaño podería pescar  en certos caladoiros do nacionalismo, especialmente no chamado “electorado oscilante” (PsdeG-BNG). Outros, máis escépticos, lembran que, a diferenza do PSC en Cataluña, a “ala galeguista” dos socialistas é moi minoritaria e pouco ou nada organizada. E, aínda con Caamaño, pensan no dito de que “unha soa palla non fai palleiro”.

“Que ninguén busque sectores ideolóxicos definidos dentro do PSdG”, apúntalle a Vieiros un cadro comarcal: “Todo é máis confuso”. Caamaño é un bo exemplo. “A pesar de manter un coherente discurso federalista, entra no organigrama do PSdeG da man dun home como Fernández Moreda, a pesar de que Lage ou Iván Puentes (alcalde de Fene) estarían moito máis perto do seu discurso”.


4,79/5 (38 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Moitas voces dentro do PSdeG cren que Caamaño sería o mellor cartel posíbel para volver á Xunta
Moitas voces dentro do PSdeG cren que Caamaño sería o mellor cartel posíbel para volver á Xunta
Moreda apadriñou a entrada de Caamaño no organigrama do PSdeG
Moreda apadriñou a entrada de Caamaño no organigrama do PSdeG
Lage e os seus ficaron sorprendidos cando se soubo da entente Caamaño-Moreda
Lage e os seus ficaron sorprendidos cando se soubo da entente Caamaño-Moreda