Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ATAQUE

Unha familia de orixe chilena denuncia un intento de agresión racista en Ferrol

Demándalle ao goberno español que aclare a existencia de colectivos xenófobos na cidade e pide explicacións sobre unha suposta falta de dilixencia policial.

Redacción - 18:50 10/11/2009

Os feitos denunciados ocorreron na cidade de Ferrol o pasado 4 de outubro. Segundo a denuncia dun cidadán de orixe chilena, a súa familia foi vítima dun intento de agresión racista e xenófoba. Na noite daquel domingo foron increpados e ameazados verbal e fisicamente "por un grupo dunhas 30 persoas que proferían insultos racistas e moitas ameazas". A filla do denunciante, tamén vítima, chamou á policía en dúas ocasións, mais non foi atendida: "na primeira chamada dixeron que non podían facer nada porque non era a súa competencia e na segunda reiteraron que non podían actuar". Segundo explican houbo, ademais, unha terceira chamada que non tivo contestación.

Brote de racismo ou grupos organizados?
O Foro Galego de Inmigración (FGI) manterá unha xuntanza este mércores co subdelegado do goberno español na Coruña. Coa presenza desta persoa denunciante, preguntaranlle a Manuel Pose sobre a posíbel existencia de colectivos xenófobos na cidade de Ferrol. Este non é o primeiro episodio racista vivido nos últimos meses, logo dunha experiencia similar cun cidadán senegalés, e os diferentes colectivos temen que poida ser algo máis que un brote esporádico de xenofobia.

"Cónstanos que o subdelegado esperou a darnos unha data para a xuntanza a ter os correspondentes informes policiais", explica Miguel Fernández, do Foro Galego de Inmigración. "Queremos que se nos informe se hai constancia da existencia de grupos cun certo contido ideolóxico racista ou de extrema dereita e que o que se está a facer para evitar actuacións coma esta", explica. "Queremos que se investigue e se informe sobre se existe algún tipo de estrutura, de organización ou simplemente, neste caso puntual, a acción foi obxecto dun grupo de mozos borrachos".

Falta de resposta policial
Doutra banda, tanto as organizacións de inmigrantes como o propio denunciante alertan sobre a falta de dilixencia por parte da policía. Así, piden "que se clarexe o antes posíbel se houbo unha deixación de responsabilidades por parte da Policía Nacional de Ferrol", que atende o servizo do 091. O Foro Galego de Inmigración considera "de máximo interese unha aclaración por parte da máxima autoridade provincial en temas de seguridade diante desta denuncia contrastada e apoiada polo propio Concello de Ferrol".

Este colectivo tamén preguntará a Pose polas intervencións "con excesivo celo" por parte das forzas de orde pública coas persoas inmigrantes en situación de irregularidade administrativa. "Entendemos que se están a levar a cabo actuacións desmesuradas", explica Fernández, "que se está a prestar unha excesiva atención a este colectivo".


Ligazóns

3,67/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: