Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Afrouxa a ameaza de morte

Volven ao barco os tres mariñeiros secuestrados que foran levados a terra

O goberno somalí confirmoulle ao ministerio de Exteriores español que os mariñeiros "atópanse ben".

Redacción / Europa Press - 10:30 07/11/2009

Os tres mariñeiros do atuneiro 'Alakrana' que foran conducidos polos piratas a terra foron devolvidos ao barco, segundo anunciou esta tarde o ministro de Asuntos Exteriores e de Cooperación, Miguel Ángel Moratinos. O xefe da Diplomacia española explicou que esta noticia foille trasladada polo primeiro ministro de Somalia, Omar Abdirashid Sharmarke, que tamén o informou de que os tres mariñeiros --Patxi Valdés, primeiro oficial do buque; e Antonio Manuel Pérez, electricista, e natural Boiro; e o mariñeiro de Baiona Joaquín Fernández-- atópanse "ben".

Os tres mariñeiros foran levados o xoves pola mañá a terra baixo a ameaza de que serían asasinados no caso de que en tres días o goberno español non puxese en liberdade os dous piratas detidos pola fragata española 'Méndez Núñez'. Sobre o seu estado a día de hoxe, Moratinos limitouse a sinalar que se atopan "ben" e rexeitou dar máis detalles dada a situación actual. O titular de Exteriores indicou que o executivo estatal redobrou as xestións diplomáticas dada a "gravidade" da situación. Neste sentido, explicou que tanto o xoves pola tarde como o venres desde primeira hora mantivo conversacións telefónicas co primeiro ministro de Somalia, así como co embaixador do Estado español en Kenya, Nicolás Martín Cinto.

Así mesmo, apuntou que se levaron a cabo outras xestións diplomáticas para facilitar unha resolución definitiva ao secuestro do atuneiro, que se prolonga xa durante máis dun mes, con diversos organismos internacionais como a ONU, a UE e responsábeis da 'Operación Atalanta' contra a pirataría no Índico. As autoridades somalís, segundo explicou Moratinos, garantiron a España a súa axuda e colaboración para a pronta liberación dos mariñeiros do 'Alakrana'. Non obstante, o ministro non quixo falar de prazos concretos para a resolución do secuestro --"non podemos indicar nin cando nin como vai rematar", dixo-- ao considerar que sería "irresponsábel" pola súa parte.

Preguntado pola posibilidade de entregar os piratas somalís que permanecen detidos no Estado español, o ministro eludiu comentar esta opción ao considerar que entra dentro do ámbito xudicial e deben ser os xuíces os que tomen a decisión. A pesar de admitir que a situación é "difícil" e "complexa", o xefe da Diplomacia estatal fixo un chamamento á "tranquilidade" e pediu "confianza" á sociedade, ao tempo que indicou que o goberno español traballa para que os mariñeiros poidan regresar sans e salvos ás súas casas e a situación se resolva de forma satisfactoria. "Os secuestros son momentos e situacións complexas, con altibaixos, nervios, con moita dificultade, o que quere pedir o goberno español á sociedade é confianza e sobre todo tranquilidade", manifestou. E continuou: "Se conseguimos esa confianza e esa tranquilidade, estou seguro que co esforzo de todos conseguiremos o que queren todos os españois, todas as familias, o que quere o executivo, que poidan regresar sans e salvos ás súas casas e que este secuestro, como os anteriores, se resolva de forma satisfactoria", dixo. Por último, o titular de Exteriores reiterou que o obxectivo primordial do executivo estatal nestes momentos é salvagardar a integridade física dos mariñeiros secuestrados.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: