Os representantes da institución apoiaron maioritariamente unha emenda da CIG para evitar que se suprimise un módulo de Cociña galega de vangarda.
A Consellaría de Educación perdeu por primeira vez unha votación no Consello Escolar de Galicia. Unha emenda presentada por CIG-Ensino en contra de eliminar o módulo de Cociña galega de vangarda do currículo do Ciclo Medio de Cociña e Gastronomía foi a causante da derrota.
No Consello desta semana estaba previsto ditaminar catro modificacións de currículos en ciclos formativos aprobados o pasado curso. A emenda presentada pola CIG acadou o apoio maioritario dos membros da institución, con 14 votos a favor, sete en contra e tres abstencións. O sindicato rexeitou as pretensións da consellaría de "eliminar os contidos propios dos novos ciclos de FP" e de limitarse a incluír só "os módulos contemplados nos Reais Decretos de contidos mínimos estatais".