A CIG-Ensino critica que a Xunta, a través do corpo de Inspección Educativa, consente e fomenta o déficit de profesorado.
O acordo asinado en xuño de 2007 entre a Consellaría de Educación e as organizacións sindicais foi no seu momento unha "importante conquista" e un paso decisivo para o arranxo de "reivindicacións históricas" do profesorado do país, segundo o lembra Anxo Louzao, secretario xeral da CIG-Ensino. Mais a planificada aplicación transitoria, ao longo dos cursos seguintes, deixa ocos importantes nesta altura do inicio do curso 2009-2010, xusto despois de que o 1 de setembro de 2009 rematase a data límite que a administración comprometera para completar o acordo.
Tal e como o critican desde a CIG-Ensino, un importante número de centros de ensino sofren de falta de profesorado, incumpríndose así o obxectivo previsto para os cadros de persoal educativo, e obrigando os docentes a desenvolveren horarios por riba do estipulado. "Esta situación está sendo consentida, cando non fomentada, pola Inspección Educativa", denuncia o sindicato, advertindo de que, no canto de avaliar o déficit e mirar polas necesidades dos centros, a Xunta, a través da Inspección, obriga á extensión das xornadas máis aló do acordado, agochando así o incumprimento do pacto.
"Non imos consentir esta situación e demandamos da consellaría que dote os centros do profesorado necesario para dar cumprimento, na súa totalidade, ao acordo, e remita instrucións claras aos equipos directivos para que se corrixa esta situación e cumpra o horario legalmente estabelecido", expoñen por este motivo desde a CIG Ensino.