Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
OUTRAS VOCES

"Eu non quero integrarme, quero convivir"

Banessa Giménez, "ponte entre a comunidade xitana e a paia", fala das dificultades para converterse en "cidadáns de pleno dereito".

Iria Ameixeiras - 09:50 29/09/2009

"Son ponte entre a comunidade xitana e a comunidade paia". Banessa Giménez Giménez ten 25 anos e é axente intercultural da Fundación Secretariado Xitano en Compostela, explica que á hora de ser atendidos, os usuarios séntense "máis comprendidos ao veren unha cara xitana". Chegou á organización despois de estudar e sacar varios cursos, o graduado escolar "e demais". Estivo nunha gardería, traballando nun hipermercado e aclara "eu non busquei a fundación, senón que a fundación me buscou a min". 


A cultura xitana pervive na literatura, nas obras de Cervantes, do "Capitán de Poesía" andaluz ou nas escrituras sánscritas de Cen Anos de Soidade de García Márquez. "Os maiores aínda falan o romanò", coma os feirantes de andar longo que facían maxia e vían cartos nas raias retorcidas da quiromancia. Pero a lenda cobra vida no mundo real, e ten rostro de muller: Banessa. Para ela o cambio do pobo xitano, o seu acceso á educación e a un traballo digno non van cambiar o "seguir sendo o que son, xitana". Admite non ter relación con xitanos doutros países e explica que na Fundación Secretariado Xitano "aténdense a paios e xitanos, isto é unha fundación multicultural". Actualmente Banessa Giménez atende 300 xitanos que acoden onda ela en busca de axuda.

Considera que tivo menos oportunidades no ámbito laboral? 
Para traballar e buscar emprego tiven dificultades. O racismo está aí, iso nótase, mesmo nos cursos de formación que fixen. Aínda que xa non se trata tanto de racismo coma de ignorancia. Falan de xitanos coma de xente marxinal. Non todos os xitanos somos iguais coma non todos os paios son iguais. Para min tamén sería moi facil dicir iso. 

Como cambiou a comunidade xitana nos últimos anos? 
Antes os xitanos non tiñan os dereitos que teñen agora. Eu non quero integrarme, quero convivir. Deberíase falar un pouco nas clases sobre xitanos, cidadáns españois de pleno dereito dende 1978, para que aos nenos se lles quiten os prexuízos que os pais lle meten na cabeza. Antes non querían que os nenos xitanos fosen ao colexio. Pero agora, pouco a pouco estamos accedendo a eles. O que non pode pretender a comunidade paia é que nos integremos totalmente porque somos cidadáns recoñecidos hai nada e non lle poden exixir a un xitano que estea ao mesmo nivel que eles. 

Son os xitanos os que non queren ir aos colexios? 
Non, antes os paios non deixaban ir aos nenos ao colexio, dicían: "xitanos non". De feito hai moitas notas de prensa nas que podemos ler "discriminada no colexio por ser xitana". Din que os xitanos non queren levar os fillos á escola, pero se nas chabolas lle pos un autobús, se se fai que os nenos vaian limpos ao colexio, que maior orgullo para un xitano que toda a súa vida foi errante, perseguido polos nazis, que o seu neto teña unha educación. Os avós non tiveron acceso a todos estes dereitos, é máis, prohibíanselles. Non é que non queiran levar os seus fillos ao colexio, iso é mentira. 

Que opina sobre a Política de Integración da Poboación Marxinal? 
A concepción do mundo calé está cambiando, senón eu non estaría aquí. Teño que escoitar moitas veces, "estou farto de entregar currículums" ou "non me collen porque son xitana". É duro pero é unha realidade. Queda moito por facer, non só é poñer locais. Porque é unha vergonza dicir que aínda no século XXI se estea erradicando o chabolismo. 

Os xitanos notan moito a crise económica nos mercados? 
Si, en Galiza si, aínda que os xitanos queren acceder ao mundo laboral, o racismo acentúase coa crise. Se vas polo mercado e preguntas se deixarían o mercado por un traballo, dinche que si. Están obrigados a ir ao mercado porque non os contratan. Eu estiven no mercado, e aseguro que é un traballo de bastante esforzo. Levántaste as 7 da mañán, chegas as 4 da tarde e tes que pagar a viaxe, buscar a mercadoría, pagar as comidas, a gasolina e arríscaste a ir e non estrenarte. 

Antes dicía que os xitanos prefiren falar con vostede 
Séntense máis cómodos, isto ten lóxica, os xitanos sempre foron perseguidos, sempre os botaron, discriminaron. Cando ven a un paio, como saben que esa persoa cambiou, que non lle volverá facer o mesmo. E un xitano sabe que eu non lle fallo, xitano con xitano iso non se fai. Nese momento é cando lle explico "tranquilo, non todos os paios son iguais". 

Considera que hai menos violencia entre xitanos? 
Pregúntaslle isto a un xitano e séntalle mal, porque entre os xitanos non hai violencia, haina nos paios. A violencia doméstica nos paios vese cada día na televisión. Os xitanos non son machistas, eu non estaría traballando se os maiores da miña casa fosen machista, entre os xitanos non verás que se peguen ou que se maten. Nas casas xitanas cada membro da familia ten a súa función. O xitano é o cabeza de familia, o que responde, e a muller educa os nenos e traballa. 

A que se dedica ultimamente? 
Son coordinadora de Ecotur. Unha das últimas actividades nas que estou traballando consiste en animar as mulleres xitanas para que busquen traballo. Levo seguimentos de cursos para promover a cultura xitana e facemos a nosa bandeira, perparamos o día internacional do xitano, 8 de abril e falamos do café xitano, da súa historia... Para que saiban os paios que valores positivos temos. 

Que é o café xitano? 
Cando un xitano entra na casa doutro xitano, se che dá café é que xa tes a súa casa gañada. É a solidariedade, a confianza. E isto ten historia, cando eran errantes tal e como simboliza a bandeira, o azul é o ceo, sen teito; o verde, o campo; e a roda, a do carro, o medio de transporte. Facían unha fogueira, sentábanse ao redor, e preparaban café. Non se debe negar o café dun xitano, é como que se o estiveses rexeitando. 

Séntese máis identificada cun xitano andaluz ou cun galego paio? 
Eu identifícome co que son: xitana galega. Os xitanos temos eses catro costumes, pero cada casa é un mundo. É verdade que os xitanos andaluces teñen máis liberdades. Pero, eu estou contenta e estou orgullosa de vivir aquí.


4.43/5 (14 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: