Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"Tráeme a escopeta", ameazan

"Loitade contra o aborto, iso si que é asasinato", din os empresarios taurinos

Responden con paus e insultos ao precinto simbólico da praza de touros pontevedresa que organizou a Coordinadora Antitouradas. Vídeo no interior.

Redacción - 11:00 31/07/2009

"Tráeme a escopeta", escóitaselle dicir a un dos empresarios taurinos que este xoves protagonizou unha agarrada con activistas da Coordinadora Antitouradas. "Cagóns", "portugueses" ou "falade en español" foron algunhas outras expresións adicadas aos membros da coordinadora.


O colectivo acudira até unha das portas da praza de touros de Pontevedra para realizar un acto simbólico de rexeitamento. Aló, estenderon un precinto ao tempo que colacaban dous cartaces co lema "Precintado por tortura". Ao tempo, megáfono en man, un dos integrantes do grupo reprochaba a celebración das touradas na cidade do Lérez e o apoio das administracións a "este cruel espectáculo". O acto tivo un final inesperado cando os responsábeis do evento saíron do interior e, algún deles pau en man, intimidaron e ameazaron os rapaces. Parte do enfrontamento queda recollido no vídeo que poden ver a pé destas liñas, pechado fronte ao convite ao cámara, "vouche inchar a cara a ostias". "Afortunadamente, a maior cordura dos contrarios á tortura animal impediu que o incidente pasase a maiores", defenden desde a Coordinadora, recordando que xa antes lle restrinxiran o traballo aos medios de comunicación "ao coñecérense as lesións que sufriu un touro cando era transportado cara ao seu lugar de martirio".

Críticas aos "irmáns Lozano"
A Coordinadora acusa directamente de intervir no suceso ao empresario toledano Eduardo Lozano, un dos donos da praza. Ao respecto, lembran que a sociedade dos irmáns Lozano adquiriu a praza da cidade a finais dos 70, cando este tipo de evento estaba en declive, logrando aumentaren "os seus obscenos beneficios, en grande medida grazas ás axudas públicas, a costa da morte de máis touros segundo pasaba o tempo: 12 animais nos 80, 18 nos 90 e os 24 bóvidos asasinados cada verán desde hai algúns anos".

"Estes empresarios da tortura son mesmo repudiados no submundo da tauromaquia por numerosas irregularidades legais, débedas acumuladas e uns métodos e actitudes caracterizados pola prepotencia e abuso de poder (segundo os propios matadores), o que no seu momento levou á xustiza a anularlles a concesión da praza madrileña de Las Ventas", subliñan desde a Coordinadora.


Ligazóns

4,96/5 (25 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: