Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Con sede na Coruña

Bota a andar a "factoría de ideas" presidida por Anxo Quintana

O Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos márcase a tarefa inmediata de facer propostas para "o modelo económico e de país para a Galiza do século XXI".

Redacción - 19:00 17/07/2009

"Ofrecer solucións" desde unha perspectiva "plural e en clave galega" e ser canle para "a creación de opinión, plural e libre e tamén en clave galega". Foron os dous obxectivos destacados esta sexta feira por Anxo Quintana na presentación pública do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA).

Con sede na Coruña, o proxecto recupera en realidade unhas siglas xa existentes desde hai 20 anos aínda que sen actividade nos últimos tempos. "Hoxe o instituto inicia unha nova andaina na que hai posta moita ilusión", expresou Quintana. O ex vicepresidente da Xunta e antigo voceiro nacional do BNG, definiu o cometido do IGEA de "factoría de ideas para pensar a Galiza do século XXI desde unha perspectiva plural e en clave galega".

Balanzas fiscais e lingua, temas inmediatos
Este venres adiantáronse tamén algúns dos temas que ocuparán a actividade pública do IGEA os próximos meses. Segundo explicou o presidente da institución, participará "no debate aberto sobre a lingua". "Queremos ser un axente máis nese debate", expuxo, avanzando que organizarán un simposio con representación de varias comunidades autónomas e Estados europeos plurilingües coa fin de achegar información coa que "desdramatizar o problema da lingua".

Tamén antes de que remate o ano o IGEA ten intención de realizar un estudo sobre balanzas fiscais en Galiza co que contribuír ao debate sobre a reforma do financiamento de actualidade estes días. "Cando se fala desta cuestión fálase do que Madrid nos dá ou nos deixa de dar, algo que non é correcto", advertiu, "por iso este estudo deixará ás claras para que todos os galegos e galegas coñezan o que xeramos cos nosos propios impostos". "Só pode pedir con xustiza aquel que sabe que é o que realmente ten", dixo.


3.11/5 (18 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: