Arredor de 2.700 persoas asinaron xa en favor da reclamación. Nacida no Barbanza, a mobilización esténdese agora a todo o país.
A Pobra, Rianxo, Ribeira ou Boiro foron as vilas barbanceiras onde iniciou a súa actividade a bautizada Plataforma pola Gratuidade dos Libros de Texto. Nais e pais da zona comezaron a protesta pouco despois de coñecerse a intención da Consellaría de Educación de acabar co sistema que garantía o fornecemento de libros escolares de balde.
Facéndose eco do propio debate parlamentario aberto ao respecto desta viraxe, poñen cuestión o argumento de aforro exposto pola Xunta e reivindican a continuidade do dereito a libros de texto gratuítos. Organizados arredor das diversas Asociacións de Nais e Pais da comarca, este mesmo xoves presentaron oficialmente a iniciativa na Pobra. "Esixímoslle á consellaría que manteña o sistema de gratuidade dos libros de texto no ensino obrigatorio que se implantou en Galiza no curso 2003/04, negándonos rotundamente a mercar os libros de texto para o novo curso escolar se non temos garantías de que a gratuidade é universal", advirten.
Os promotores da iniciativa resumen en sete puntos a reclamación: