Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Na décima xornada de paro no sector

A patronal do Metal volve abandonar as negociacións

Os traballadores tentaron paralizar as vendas de automóbiles nos concesionarios, e os empresarios denunciaron a folga por "ilegal e discriminatoria".

Redacción - 14:00 16/06/2009
Imaxes: Zélia Garcia

Imaxes: Zélia Garcia

14h00: A patronal volve abandonar a mesa negociadora
Na décima xornada de folga no sector do Metal da provincia de Pontevedra, os traballadores decidiron mudar a súa estratexia, e trasladar as súas protestas a outras zonas da cidade. Nesta liña, centos de piquetes organizáronse para impedir o normal funcionamento dos concesionarios de venda de automóbiles da Avenida de Madrid e algúns talleres mecánicos do Polígono do Caramuxo, en Vigo. A idea era prexudicar as vendas dos dous sectores que se están a manter inflexíbeis nas negociacións do convenio, dixeron os sindicatos. Mentres, nos estaleiros retomaron o traballo.

As accións programadas polos sindicatos "deron o seu froito", segundo sinalou o responsábel da CIG-Metal, Miguel Anxo Malvido, quen resaltou que coa ocupación dos concesionarios "trasladámoslle á cidadanía o que queriamos, e visibilizamos o conflito, de tal xeito que consideramos o obxectivo da xornada conseguido". Os piquetes volverán ás portas dos concesionarios cando estes abran, pola tarde.

A patronal acusa os sindicatos de desenvolver unha "folga ilegal"
Por outro lado, a patronal volveu pronunciarse esta feira, revelando a súa intención de abandonar a mesa de negociacións, que estaba previsto comezase ás 17h00 no edificio administrativo da Xunta, na cidade olívica, coa mediación da delegada do Goberno en Vigo, Sonia Molares.

O voceiro da patronal, Enrique Mallón asegurou que os seus representados non van asistir á xuntanza, por ser esta, ao seu ver "unha folga ilegal, a todas luces", que está a ter "un trato discriminatorio para algunhas empresas". Mallón tamén criticou a "falta de coordinación total dos sindicatos" na mesa de negociación, e revelou que, polo menos, un cento de empresas da provincia comezan a ter problemas para "pagar o soldo do mes que vén". Alén disto, a patronal acusou os sindicatos que atacar algunhas empresas, na madrugada da segunda para a terza feira.

Polo seu lado, os sindicatos negaron estas acusacións, mentres recalcaron que a mesa de negociacións é o único escenario válido para chegar a un acordo, sinalando que polo seu lado pretenden buscar unha situación favorábel para atoparlle unha solución ao conflito.

O Concello de Vigo pide a mediación inmedita da Xunta no conflito
O Concello de Vigo acolleu esta terza feira un Pleno Extraordinario cunha moción presentada polos partidos do goberno local -PSdeG e BNG-, sobre o conflito do metal.

A moción, asinada polos voceiros socialista e nacionalista, Carlos López Font e María Méndez, respectivamente, recolle dous acordos. O primeiro proponlle aos grupos políticos vigueses que fagan unha chamada ás partes, empresarios de patronal, para que aposten pola negociación. O segundo, que foi aprobado co voto en contra do PPdeG, demándalle á Xunta que "exerza as súas competencias cunha mediación activa e constante".

Cómpre lembrar que neste conflito, despois de semanas de desencontros entre as partes, a Xunta ofreceu o seu edificio administrativo, e a mediación da delegada en Vigo, Sonia Molares, que comezou esta semana. Porén, chama a atención que noutros conflitos, como o que ameaza os postos de 237 traballadores da téxtil coruñesa Caramelo, a Xunta involucrou a Consellaría de Economía e Industria, que nos vindeiros días facilitará unha data para mediar nos encontros entre a dirección e os traballadores.

12h00: Os operarios do Metal mudan a súa estratexia folguista ocupando os concesionarios
Os traballadores do sector metalúrxico da provincia de Pontevedra manteñen esta terza feira a súa décima xornada de folga polo convenio colectivo. Nela están a executar o "cambio de estratexia" definido nas últimas horas, polo que se desprazaron cara aos distintos concesionarios de automóbiles da cidade co obxectivo de intentar paralizar as vendas.

Os sindicatos convocantes da folga (CIG, CCOO e UXT) acordaron modificar a convocatoria de paro indefinido, que pasou de ser de xornada completa a ter, con carácter xeral, catro horas de duración -na quenda de mañá de 09h00 13h00-.

Con todo, existen unha serie de excepcións pensadas para "castigar" ás patronais que están pondo "máis trabas" na negociación, como son as de concesionarios e talleres de automoción -onde os operarios pararán dende as 12h30 horas toda a xornada-; e as de fontanería e electricidade -onde pararán toda a xornada-.

Por iso, ao longo da xornada haberá diferentes grupos de traballadores -que se irán relevando en función dos horarios de paro, coa finalidade de ter sempre cubertas as súas respectivas zonas-, que acudirán aos enclaves onde se sitúan os concesionarios. Tamén haberá piquetes en empresas de fontanería e electricidade, co mesmo obxectivo de impedir a actividade. En canto aos operarios que comezaron o paro ás 09h00, entre os que se atopan os do sector naval, desenvolveron asembleas nos seus respectivos centros de traballo e posteriormente saíron cara ás zonas de Vigo onde existen diferentes estabelecementos dedicados á venda de coches.

Sindicatos e patronal retoman as conversas esta terza feira
Por outra banda, os sindicatos e a patronal retomarán esta terza feira as negociacións a partir das 17h00 na sede da Xunta en Vigo, co obxectivo de intentar chegar a un acordo para pór fin ao conflito. Desta volta contarán coa mediación do Goberno, coa presenza de delegada na cidade, Sonia Molares.

08h00: A patronal do Metal ameaza con levar a produción de 50 empresas a Portugal
A patronal do sector metalúrxico da provincia de Pontevedra, confirmou na segunda feira que máis de medio cento de empresas están a barallar a posibilidade de trasladar produción a Portugal, ante os problemas que teñen nos seus centros de traballo, debido á folga do sector.

O voceiro dos empresarios, Enrique Mallón sinalou que estes van valorar agora o cambio de convocatoria de folga, que pasou de ser indefinida a converterse en paros de media xornada para os días 16, 17 e 18 de xuño en todas as empresas do sector sen convenio propio, agás as asociadas a Instaelectra e Foncalor, onde se manterá a indefinida. Neste sentido, o voceiro dos empresarios recalcou que van estudar se esta folga é "ilegal ou abusiva", xa que lles impide a moitas empresas "programar" a súa actividade.


3.67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: