Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Na marcha convocada polos sindicatos en Vigo

Milleiros de persoas saen á rúa para apoiar o Metal

Unhas catro mil persoas xuntáronse na cidade olívica na defensa dun "convenio digno" para o sector. Mentres, patronal e representantes dos traballadores negocian a contrarreloxo para evitar o paro indefinido.

Redacción - 08:00 10/06/2009
A manifestación polas rúas de Vigo (clique para ampliar) / Imaxe: CIG

A manifestación polas rúas de Vigo (clique para ampliar) / Imaxe: CIG

Milleiros de traballadores do sector metalúrxico, acompañados dos seus familiares a outras persoas que saíron á rúa para apoialos, percorreron a cidade de Vigo en manifestación, demandando un "convenio digno" para este sector na provincia de Pontevedra.

A manifestación, convocada polos sindicatos CIG, CCOO e UXT, foi secundada por unhas catro mil persoas, a pesar da intensa choiva que caeu durante na cidade.

Durante a marcha, os representantes dos traballadores solicitaron o apoio da cidadanía a este sector, que leva "moitos días de folga", tal e como lembrou a secretaria xeral da UXT, Olga Alonso. Pola súa parte, o representante da CIG-Metal, Miguel Anxo Malvido, criticou a "irresponsábel" patronal, por denunciar que os seis días de paro provocaron "perdas" no sector, e recriminoulles aos empresarios que "non se dean de conta" de que o conflito xa se tería solucionado "con todos os cartos perdidos". Así mesmo, Malvido referiuse aos incidentes entre a policía española e os folguistas nas protestas da semana pasada, e pediu a dimisión do subdelegado do goberno español en Pontevedra, Delfín Fernández, a quen acusou de avalar "intervencións violentas das forzas de seguridade".

A quenda de palabra pechouna o responsábel comarcal de CCOO, José Cameselle, quen avogou por continuar coa unidade sindical do sector do metal que, a seu xuízo, "os empresarios queren romper".

Negociacións contrarreloxo para evitar a folga indefinida
Nesta terza feira sindicatos e patronal volveron sentar na mesa de negociación. Porén, os representantes dos traballadores decidiron manter a convocatoria de folga para esta quinta feira, pese aos avances nas conversas. Na xuntanza, que durou apenas dúas horas e media, fronte ás sete da xornada anterior, constatouse o acordo sobre os dous anos de vixencia do vindeiro convenio, e adiantouse no capítulo de regulación da xornada laboral.

Ao parecer, só un acordo sobre o incremento salarial fixado no convenio evitaría os paros indefinidos previstos para finais desta semana. Nun comezo, os traballadores xa habían comezar a folga esta cuarta feira, mais ao iren avanzando na negociación, esta foi adiada, á espera dun acordo de última hora que convenza as partes. No caso de que a convocatoria de paro se manteña, está previsto que na sexta se unan a ela aquelas empresas do sector que teñen convenio propio, coma os grandes estaleiros e auxiliares da automoción; mais non Citroën, cuxos responsábeis xa sinalaron que non lles é posíbel secundar a folga.


4.2/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: