Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Entrevista co alcalde de Cervo, Alfonso Villares

"Se construísen por riba de piares, o castro estaría protexido, aínda que sexa polas vivendas"

O rexedor cervense falou con Vieiros do xacemento castrexo de San Cibrao, culpando da súa situación ao "abandono de funcións" da Consellaría de Cultura.

A. Rodríguez - 08:00 06/05/2009
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares (PPdeG)

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares (PPdeG)

Alfonso Villares Bermúdez, alcalde de Cervo (A Mariña) atende de seguida a chamada de Vieiros. El ten moito que dicir na historia do xacemento de San Cibrao, sobre o que está proxectada a construción de tres edificios de cen vivendas. As obras comezaron no verán de 2007, e foron paralizadas, por parte do Concello, case unha semana despois de que a Delegación Provincial da Consellaría de Cultura dese a orde. Os veciños acúsano de non ter actuado a tempo, mais el lembra que non era o rexedor de Cervo cando as primeiras licenzas de obra lle foron concedidas ao construtor -facía parte da Xunta de Goberno (PPdeG), e en 2007 tomou o relevo de José Insua, o anterior alcalde-, e que estas son legais ao cento por cento.

Ao xacemento chámalle "suposto" -porque no Concello non teñen os "medios técnicos para saber da súa importancia"-, e determina que a destrución dunha súa parte -ao non seren paradas a tempo as obras-, foi causa dun "cúmulo de despropósitos", condicionados pola falta de reacción da "Consellaría de Cultura", que é a Administración que ten, segundo dixo, "toda responsabilidade sobre o xacemento".

"Toda a responsabilidade sobre a posta en valor do xacemento é de Cultura"
"Nós, cando alguén nos pediu unha licenza de construción, informamos a quen debiamos de que había un pedimento feito, e como ninguén dixo nada, as licenzas foron concedidas", sinalou o alcalde, ao tempo que recoñecía que "o Concello sabía da existencia de vestixios arqueolóxicos, pero tamén o sabía Patrimonio, que son os que teñen técnicos a traballar con eles, que poden dicir mellor o que alí había. O municipio non ten técnicos especializados en patrimonio. Os informes eran favorábeis e as licenzas foron concedidas... E aquí comezou a lea. Pasaron máis de tres anos -dende que se concederon as licenzas-, e a zona está como está. Pero se existe calquera responsabilidade sobre a súa conservacións, esta é de Cultura", remarcou Villares.

"Eles teñen todas as competencias para inventariar os xacementos. En 2007 (ver a orde cronolóxica dos feitos) deron a orde de parar a obra, e a partir deste momento quen está velando polo que aí poida haber é Patrimonio. O que estea pasando ou deixando de pasar, se aí falta algo... É responsabilidade súa, porque eles teñen a custodia do ben", reiterou o rexedor cervense.

"Está claro que houbo un abandono de funcións, a todos os niveis, por parte da anterior Xunta -referíndose a bipartito-. Por outro lado, algunhas asociacións, moi vinculadas ao BNG, berran: enchen as súas protestas de reivindicacións con tintes moi localistas, moi políticos, dando só unha versión, o que non é o mesmo que dicir a verdade", criticou o alcalde cervense, referíndose á asociación Mariña Patrimonio, que foi a que denunciou, dende un primeiro momento, a destrución do xacemento.

"Se hai algo importante, nós imos reclamar que se preserve"
O alcalde de Cervo tamén di que, a pesar de non saber con certeza o que hai na zona da Atalaia, en San Cibrao, no caso de ser un achado importante, o goberno municipal ten moito interese en preservalo e poñelo en valor, e que así o farían se tivesen "todas as responsabilidades" sobre o mesmo. Nesta liña, sinalou que dende Cultura non se moveron aínda para conservalo, nin quixeron denunciar un posíbel abandono de funcións por parte do Concello porque "saben o que lles viría a eles mesmos enriba". "Eran conscientes do que alí había, e de que non existía ningún tipo de protección. O Concello non pode inventariar aquilo, nin o de Cervo nin o de Lugo ten os medios. Eles saberán porque non o tiñan inventariado. De todos os xeitos, se hai algo importante, nós como Concello imos reclamar que se preserve".

Cando se lle pregunta pola posibilidade de que a obra se paralice, si se chega a comprobar que o construtor non ten todos os papeis en regra -cómpre lembrar que o mesmo construtor está obrigado a derrubar uns seus edificios na zona de Lodeiro, Viveiro, porque non contan cun estudo de detalle, un documento que, segundo Mariña Patrimonio, tamén falta nesta obra-, Villares contesta que són só "todo consideracións", e que non hai que "excederse á hora de facer este tipo de valoracións". "Enténdese que está todo ben feito, pero no caso de que non sexa así, habería que investigalo e, pola vía xudicial, depurar responsabilidades", pero isto, segundo o alcalde cervense, "non sería bo, e perderían todas as Administracións", non só a que el mesmo dirixe. "Isto é algo moi delicado", subliña.

De derrubar o construído non quere falar, porén non lle parece nada errado construír os edificios por riba do xacemento, porque así "estaría protexido, aínda que sexa por un bloque de vivendas".


1/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Unha imaxe da vila de San Cibrao, no Concello de Cervo (A Mariña)
Unha imaxe da vila de San Cibrao, no Concello de Cervo (A Mariña)
Imaxes da construción dun primeiro edificio na zona que ocupaba o castro, na Atalaia, en San Cibrao
Imaxes da construción dun primeiro edificio na zona que ocupaba o castro, na Atalaia, en San Cibrao
Marcados con tres círculos negros os deseños dos edificios que se proxectan construír na zona
Marcados con tres círculos negros os deseños dos edificios que se proxectan construír na zona