Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Reacción ante os anuncios de Feijoo

Critican que Política Lingüística dependa da consellaría que vai derrogar o decreto do galego

A Mesa e a CTNL consideran "un paso atrás" que esta Secretaría Xeral dependa de Educación, lembrando que "a defensa do idioma ten que ser transversal".

Redacción - 09:00 22/04/2009
Un cadriño do Carrabouxo, tirado da web d'A Mesa

Un cadriño do Carrabouxo, tirado da web d'A Mesa

Segundo se souberon as mudanzas que o novo presidente da Xunta, Alberte Núñez Feijoo, quere facer no seu equipo de goberno, chegaron de lugares diferentes as louvanzas e as críticas. Desta volta foi o segundo, xa que varios colectivos de defensa e promoción da nosa lingua, como A Mesa pola Normalización Lingüística e a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística (CTNL) criticaron, logo de coñecer a nova estrutura orgánica do executivo, a inclusión de Política Lingüística dentro de Educación.

A Mesa critica que Política Lingüística dependa da consellaría que terminará co decreto do galego
Dende A Mesa cualificaron de "sarcástico e esperpéntico" que a Secretaría Xeral de Política Lingüística pase a depender da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria, paradoxalmente, a mesma que vai "derrogar o decreto 124/2007, polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo", sinalan. Láianse, máis unha vez, dende esta asociación, de que Feijoo siga firme na súa idea de derrogar esta lei "que conta co apoio das principais asociacións que representan á comunidade educativa", e pregúntanse se este é o xeito de actuar dos populares en Política Lingüística, "cales van ser os pasos a dar en eidos como a Sanidade, a Xustiza, o comercio, os medios de comunicación ou a propia Administración, onde as persoas galegofalantes sofren graves discriminacións cada día e onde en moitos casos a nosa lingua apenas ten presenza?.

Nesta liña lembran que "a defensa do idioma ten que ser transversal", é dicir, chegar a todas as áreas do Goberno, "tal e como recolle o Plan Xeral de Normalización Lingüística, aprobado no Parlamento galego no 2004 por unanimidade sendo Manuel Fraga presidente da Xunta de Galiza e Alberto Núñez Feijóo vicepresidente", e conclúen un seu comunicado recordándolle a Feijoo "que os poderes públicos de Galiza están obrigados polo Estatuto de Autonomía a potenciar o emprego do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa e a dispor os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento".

A CTNL láiase da perda de transversalidade na política lingüística
Polo seu lado, a CTNL considerou coma "un lamentábel paso atrás" que Política Lingüística "sexa relegada á Consellaría de Educación", xa que consideran non é este o "departamento máis axeitado para o desenvolvemento desta política no ámbito empresarial, nas novas tecnoloxías, na xustiza, na administración pública ou na sanidade". Para a CTNL, Política Lingüística debera depender, coma acontecía co bipartito, directamente de Presidencia, "desde onde tiña capacidade de acción transversal en todos os ámbitos".


5/5 (22 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: