Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Agardaran a resposta da nova Xunta

A Citroën non lle chegan as axudas do goberno español

O grupo PSA describiunas como "realmente decepcionantes", e o Clúster deulle a razón, laiándose da "escasa sensibilidade" de Zapatero con Galiza.

Redacción - 08:30 26/03/2009

O director da planta de PSA Peugeot-Citroën en Vigo, Pierre Ianni, tachou de "realmente decepcionantes" as axudas que o goberno español aprobou para a automoción galega, dentro do Plan de Competitividade do Ministerio de Industria.

Con estas axudas, a factoría viguesa vai recibir uns 72 millóns de euros, e a industria de compoñentes 16 millóns.

Durante a súa intervención no peche da asemblea xeral da Fundación Cluster de Empresas da Automoción de Galiza (Ceaga), Ianni lembrou que o plan de competitividade da factoría viguesa contempla un investimento de 1.062 millóns de euros, nun prazo de catro anos, co que a aportación de Industria é menos dun 7% do total, e "con iso non se chega moi lonxe", recalcou.

O director de Citroën tamén lembrou que, aínda que non sabe con certeza os cartos que vai recibir, xa que non ten nas súas mans ningunha notificación oficial, el "agardaba algo máis", dado a "grande aposta" que supón o plan industrial que elaborou a factoría. Neste sentido, e pese a "este pouco compromiso", Ianni dixo agardar que no período 2010-2012 haxa "máis axudas" que son "imprescindíbeis" para que este plan se poida desenvolver.

O novo presidente do Clúster pídelle axuda á nova Xunta
Polo seu lado, o novo presidente do Clúster de Empresas da Automoción de Galiza, Francisco Anguera, tamén se laiou polas "escasas axudas" do goberno de Zapatero, e sinalou que esta postura do executivo español é debida a que a industria galega ocupa o "noveno lugar" nas súas prioridades.

Nesta liña, Anguera dirixiuse a Alberte Núñez Feijoo, que estaba na clausura da asemblea, para "encomendarse a el" co fin de que a industria da automoción galega supere a crise.


2.25/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: