Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Lusofonía

Xestionado por Vieiros
RSS de Lusofonía
A proposta do alcalde

Viana do Castelo, primeira cidade anti-touradas de Portugal

A maioría socialista da Câmara Municipal decidiu non permitir a realización de ningún 'espectáculo' de tauromaquia no espazo público ou privado do concello.

Redacción - 11:15 08/03/2009
Logo contra as 'touradas' da asociación Acção Animal

Logo contra as 'touradas' da asociación Acção Animal

A maioría socialista na Câmara Municipal de Viana do Castelo decidiu, esta fin de semana, prohibir a realización de todo espectáculo relacionado coa tauromaquia no espazo público e privado do concello, sempre que deles dependa dar as autorización precisas.

Contra a proposta de declaración de cidade anti-touradas, presentada polo alcalde de Viana, Defensor Moura, votaron os representantes da bancada social-demócrata, ao considerar que non lle compete ao concello tomar este tipo de decisións. O voceiro da oposición, Carvalho Martins, afirmou que a decisión "non é correcta" porque, aínda que el mesmo non sexa afeccionado á tauromaquia, é preciso "respectar as persoas que gostan do espectáculo".

Pola contra, o alcalde pensa que esta medida é precisa para chegar a ter unha cidade saudábel, un compromiso adoptado polo municipio de Viana do Castelo hai máis dunha década, especialmente dende que fan parte das redes, portuguesa e europeia, de Cidades Saudábeis. Mais Defensor Moura tamén lembrou que a chave para estar dentro destas redes -o respecto polos direitos humanos, a preservación do patrimonio natural e a promoción dos valores ambientais- debe construírse dende o respecto aos dereitos dos animais. Só nesta liña se crea unha cidade moderna e progresista, nas palabras do alcalde. "A defensa dos direitos dos animais non é compatíbel coa realización de espectáculos de tortura, que provocan sufrimento inxustificado", concluíu o rexedor municipal de Viana.

A primeira cidade anti-touradas de Portugal
Con esta decisión, Viana do Castelo é a primeira cidade de Portugal que termina coas touradas. No Estado Español, onde existe máis afección por este tipo de "espectáculos", só se declararon anti-touradas 53 cidades, e en Francia, onde tamén se realizan este tipo de actos, aínda que con menor seguimento, polo menos asinaron esta declaración tres cidades.

Demoler a praza de touros
Coa declaración aprobada, o primeiro que fará o concello de Viana será demoler a vella Praza de Touros da cidade que, con perto de 60 anos, desaparecerá para deixarlle o seu lugar a un centro de Ciencia Viva, que aínda está en proxecto e que funcionará en consoancia do Parque Ecolóxico Urbano.

Inaugurada en 1948, a Praza de Touros de Viana ten capacidade para acoller case cinco mil persoas, e dende comezos dos 90 só abrías as portas ao público, practicamente, unha vez ao ano, na Romaria da Senhora d'Agonia, para a realización da tradicional tourada das festas. Tamén se celebraron nela as festas académicas dos estudantes do Instituto Politécnico de Viana (IPVC) e até da Universidade do Minho (UM), em Braga.


4.67/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A praça da República, en Viana do Castelo / Flickr:  Nimages DR
A praça da República, en Viana do Castelo / Flickr: Nimages DR
Un forcado portugués topando de cheo co touro / Flickr: lightbrigade/
Un forcado portugués topando de cheo co touro / Flickr: lightbrigade/
Nalgunhas cidades portuguesas hai afeccións aos touros. Na imaxe, a praza de touros de Évora, no flickr de zone41
Nalgunhas cidades portuguesas hai afeccións aos touros. Na imaxe, a praza de touros de Évora, no flickr de zone41