Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NO DÍA DESPOIS

Derrogar o decreto e converter galescolas "en garderías", prioridades de Feijoo

O futuro presidente da Xunta tamén adiantou que entre os seus obxectivos iniciais estará o de paliar os efectos da crise con rebaixas nos impostos.

Redacción - 11:35 02/03/2009

Garantir a liberdade lingüística e minimizar os efectos da crise económica. Esas serán as dúas prioridades que se marcará o candidato do PPdeG e futuro presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo para o seu mandato. Así o adiantou en campaña e así o confirmou este luns en diferentes entrevistas para diversos medios de comunicación.

Decreto do galego e garderías sen ideoloxías
Xa durante a campaña electoral, Feijoo comprometerase a derrogar o decreto que regula o emprego do galego no ensino e que estabelece que, polo menos, a metade das materias no período non universitario deben impartirse na nosa lingua. Cos resultados dos comicios xa na man, o secretario xeral do partido, Alfonso Rueda, adiantou na Radio Galega que está será unha das prioridades do novo goberno. Do mesmo xeito, o responsábel popular asegurou que outro obxectivo inicial será o de "converter as galescolas en garderías sen ideoloxías".

Audi á venda e Rajoy fortalecido

Na mesma liña se manifestou Núñez Feijoo nunha entrevista ao programa de Telecinco, La Mirada Crítica, onde adiantou que outra das primeiras decisións que tomará como presidente será a de poñer en venda o coche oficial de Emilio Pérez Touriño. "Por convicción persoal, xa que non é necesario ese vehículo, e por compromiso social, porque en Vigo temos a factoría de Citroën á que é necesario apoiar", dixo comprometéndose a utilizar un coche desta marca.

Doutra banda, asegurou que este triunfo "está mandando unha mensaxe a todos os españois de que o cambio político" no Estado Español "é posíbel", ao tempo que asegurou que estes resultados "acreditan e fortalecen" a Mariano Rajoy.

Baixada de impostos
Outra das prioridades de Feijoo é a de "combater a crise e crear postos de traballo", para o que, durante a campaña, falou de "austeridade". Comprometeuse neste eido a rebaixar o imposto de sociedades ás empresas, suprimir os impostos de sucesións e doazóns e "facer reformas" no modelo económico actual. Asemade, durante os pasados días prometeu reducir os impostos ás persoas con discapacidade ou baixar o tramo autonómico do Imposto da Renda das Persoas Físicas (IRPF).

Outros cambios
Nesa mesma liña de austeridade, o futuro presidente da Xunta tamén adiantou que baixará o número de consellarías, que pasarían de 12 a 10. Con todo, non quixo concretar cales dos actuais departamentos desaparecerán, cousa que deixou para o momento de formar goberno. Ao tempo, falou de diminuír nun 40% o número de altos cargos suprimindo a figura dos delegados provinciais e nomeando un único delegado nas catro provincias e, a maiores, outro en Vigo.

No referente ao Estatuto de Autonomía, que previsibelmente se retome nesta lexislatura, Feijoo falou dunha proposta propia do seu partido, para que o futuro documento se "axuste ao marco institucional".

Para profundar nos compromisos de Alberto Núñez Feijoo e do Partido Popular, aquí está o seu programa electoral.


1.47/5 (45 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: