Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Eleccións Galiza 2009

RSS de Eleccións Galiza 2009
PRIMEIRAS DECLARACIÓNS DO NOVO PRESIDENTE

Feijoo: "Póñome a disposición de Galiza"

Unha pequena sala de prensa foi o escenario do primeiro discurso de Alberto Núñez Feijoo como presidente da Xunta. Berros de 'presidente, presidente', moreas de cámaras ("nunca vira tantos fotógrafos", dixo o líder do PP), e a presenza de Ana Pastor, Pedro Puy, Alfonso Rueda..., e a propia nai do novo presidente.

Redacción - 23:08 01/03/2009
Tags: galiza2009

A nai de Feijoo, protagonista  (22:58)
"Está casado con Galiza, pero Galiza non me dá fillos", dixo a nai de Feijoo nun vídeo gravado para a campaña electoral popular. Na noite da vitoria do seu fillo, estivo na primeira fila da roda de prensa na que se declarou gañador.

'Véndese Audi'  (22:52)

Despois de horas de nervios e emoción contida, a partir das dez da noite, a alegría estoupou na sede do PP. Así e todo, Feijoo resistíase a saír. Mentres, militantes populares comezaban a celebración e as bromas. Por exemplo, con carteis de 'Véndese Audi', en referencia aos automóbiles oficiais utilizados por Emilio Pérez Touriño como presidente da Xunta.

A foto da noite atrásase (22:23)

Ducias de xornalistas fan garda ás portas da sede popular. Dentro, escóitase a algúns militantes iniciando a celebración. Camareiros levaron champán e copas. Porén, a comparecencia de Feijóo aínda non chega e os xornalistas non poden entrar na sede; un porteiro, a xeito dos 'gorilas' das discotecas impide a entrada.

Fraga, un dos primeiros en felicitar a Feijoo (22:12)
Os dirixentes populares confirman a maioría absoluta, abandonan as cautelas que mantiveran até agora e falan abertamente do triunfo. Feijoo continúa dentro, pero representantes do partido confirman que Manuel Fraga acaba de chamar para felicitalo polo triunfo. Alfonso Rueda está sendo a cara do PP esta noite.

Rueda confía na maioría absoluta (21:00)
Silencio e calma no PP. As enquisas a pé de urna recibíronse con indiferencia: 36, 37 ou 38? Dous escanos que fan a diferenza. Tan só Alfonso Rueda entra e sae da sede, sorrí, amósase convencido da maioría absoluta. Mira a Ricardo Varela con atención na televisión. Está confiado

Onde está o escano 38? (19:56)

Os dirixentes populares continúan no interior da sede, analizando os datos recollidos ao longo da xornada; mentres, fóra, na sala de prensa, os xornalistas agardan. O éxito ou o fracaso popular pode depender dun escano.


1,71/5 (7 votos)



Primeiras palabras de Feijoo como presidente

"A alta participación outorga unha lexitimidade maior a este goberno"

"Quero convocar a todos os galegos para superar a crise"

"Póñome a disposición de Galiza"