Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DENUNCIA DE MpDC

Un xulgado coruñés extravía o expediente dunha demanda contra Paco Vázquez

O Movemento polos Dereitos Civís presentará unha queixa ante o Consello Xeral do Poder Xudicial, despois de dous anos de agardar pola citación.

Redacción - 18:35 10/09/2008

O colectivo Movemento polos Dereitos Civís presentara hai xa dous anos unha denuncia contra o entón alcalde da Coruña en relación ao cambio do topónimo oficial do concello polo de "La Coruña". A partir dese momento, o documento perdeuse no esquecemento, ou ao menos iso é o que lle pareceu a esta asociación que, despois de agardar pacientemente, decidiu presentar unha queixa pola demora do proceso perante o Valedor do Pobo.

A resposta deste último foi o máis sorprendente: ao parecer, o xulgado de instrución número 5 da Coruña perdeu o expediente completo da demanda. Dende o Movemento polos Dereitos Civís consideran que "non é aceptábel que a administración de xustiza perda un expediente e nin sequera informe aos afectados durante dous anos", así que optarán por reclamar perante o CXPX. Tampouco lles gustou a actitude do Valedor do Pobo, xa que lamentan que "nin tan sequera se molestase en realizar recomendacións ao xulgado", polo que cualifican todo o suceso como unha "grave deixadez de funcións".

Unha denuncia que ven de atrás

A denuncia presentada por este colectivo referíase á modificación do topónimo da cidade, xa que esta non é unha competencia asignada aos concellos, tal e como consta nas dúas sentenzas do Tribunal Supremo e do Xulgado do Contencioso – administrativo. En decembro de 2005 o xulgado ditou auto polo que se acordaba o sobresemento provisional e arquivo da causa. Non obstante, en xaneiro de 2006 emitiuse unha providencia pola que se comunica ao MDC que se ten por presentado o seu recurso en tempo e forma. Dende novembro dese ano, o colectivo non volveu ter noticias sobre a situación na que se atopaba o expediente.


Ligazóns

4.9/5 (20 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: