Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
"Incumprimento da lexislación"

O MpDC denuncia que o Concello de Lugo vixía as rúas da capital cun permiso caducado

A norma estabelece que a licenza para o uso de cámaras de vídeo vixilancia debe ser renovada de xeito anual, e o trámite iniciado dous meses antes de expirar.

Redacción - 11:20 18/07/2008

O goberno de Lugo está a cometer unha grave infracción, segundo sostén o Movemento polos Dereitos Civís (MpDC). As cámaras de vídeo vixilancia instaladas no casco histórico serían ilegais, xa que o permiso para a súa instalación caducou o pasado 18 de abril. Segundo este colectivo, a delegación do goberno envioulles un escrito no que indicaba que os permisos dos dispositivos caducaron e que o concello non solicitou a renovación anual correspondente. Así, solicitan ao concello lugués a retirada inmediata das cámaras que aínda ten instaladas no casco antigo e que non cumpren os requisitos da normativa vixente.

Lexislación de vídeo vixilancia
Segundo estabelece o regulamento, o permiso para o uso de cámaras de vídeo vixilancia débese renovar de xeito anual e o seu trámite débese iniciar dous meses antes de que expire a autorización. O MpDC denuncia que o concello de Lugo non o fixo e, en consecuencia, estaría a cometer unha grave infracción tipificada na Lei 4/97, de 4 de agosto.

"Respectar o marcado na normativa que regula a vídeo vixilancia é a única maneira de ofrecer as garantías xurídicas mínimas para o libre exercicio dos dereitos fundamentais dos cidadáns, así como evitar usos fraudulentos dos dispositivos", asegura o colectivo nun comunicado. Ademais, recordan que as cámaras do casco histórico de Lugo non aparecen no listado de dispositivos autorizados remitido polo goberno estatal ao Senado o pasado mes de decembro e que non está comunicado no rexistro xeral da Axencia española de Protección de Datos a creación dun ficheiro de imaxes, tal e como se estabelece na normativa actual.


Ligazóns

4.83/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: