Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Recuperando "reivindicacións históricas"

A plataforma Causa Galiza volverá pedir a soberanía nacional o 25 de xullo

Por segundo ano consecutivo, organizan a marcha unitaria da esquerda soberanista e independentista galega.

Redacción - 17:45 14/07/2008
Cartaz e lema da manifestación de Causa Galiza

Cartaz e lema da manifestación de Causa Galiza

A plataforma social Causa Galiza presentou, esta segunda feira, a marcha nacional que teñen preparada para o Día da Patria, que baixo o lema "Soberanía nacional", será a "única na que se reclame a autodeterminación para o país".

É o segundo ano que a entidade organiza esta manifestación (que partirá ás 13:30 horas da Alameda compostelá), mais durante os doce meses que pasaron dende o seu nacemento, dedicáronse tamén a vertebrar o movemento soberanista de esquerdas polas comarcas de Galiza, facendo un traballo de base para estender a idea da soberanía nacional.

Isto foi o que dixo Charo Lopes, membro da portavocía colexiada de Causa Galiza, quen tamén abriu a conferencia de prensa na que a entidade presentaba a marcha do 25 de xullo. Lopes tamén salientou que a plataforma segue a ser un "espazo aberto e amplo" agora, se cadra, máis necesario, no momento no que o Goberno "claudica ante o mandado das institucións españolas", cousa que, segundo dixo, agardan que volva pasar cando, uns meses antes de se desenvolver as eleccións de 2009, se reabra o debate estatuario, que será, recalcou, "cativo e subordinado" aos intereses españois.

A autodeterminación é "o único camiño"
Por outro lado Pedro Alonso, membro da portavocía da plataforma, tamén presente na conferencia de prensa, analizou o actual contexto político que se está a vivir en Galiza, dicindo que "as decisións do Goberno son cativas e tímidas, cando se trata de defender os intereses galegos". Neste sentido, foi citando distintas medidas da Xunta como a construción das vías do TAV, "mentres se desmantelan as estruturas útiles do tren"; as agresións ao sector pesqueiro, "cunha Lei de Pesca deficitaria"; a Lei da Paisaxe, "curta e preparada para defender un crecemento insustentábel"; ou ENCE e o desaproveitamento dos nosos recursos forestais, que, segundo dixo, se tapan con "perífrases políticas" como o emprego da palabra "nación" ou campañas de "escenificación superficial", cando o que é preciso é, nas súas verbas, "defender o dereito dos galegos a decidir o seu futuro", e para isto, salientou, "a autodeterminación é o único camiño".

Por isto, Alonso terminou a súa quenda destacando que en Galiza "é preciso que se fale alto e claro da soberanía nacional, da capacidade para tomar decisións que afecten o futuro de Galiza e a súa persistencia como nación". Para isto, dende Causa Galiza, dixo Pedro Alonso, van seguir traballando pola defensa da realidade nacional galega en todos os eidos, "abrindo un camiño claro para que a sociedade galega" saiba que pode e debe decidir por si mesma.


4,47/5 (43 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: