Principiou a militar no nacionalismo hai máis de tres décadas e formou parte da corporación municipal de Soutomaior entre 1979 e 2000.
A primeira hora da tarde deste xoves finou o historiador Lois Obelleiro, logo dunha prolongada doenza. Nacido en Arcade en 1951, comezou a súa militancia na UPG en 1974, partido ao que seguía afiliado. Participou activamente na creación do Sindicato Obreiro Galego (SOG) e da Intersindical Nacional Galega (ING). Entre 1979 e 2000 foi concelleiro en Soutomaior. Dentro do BNG ocupou o cargo de secretario de organización, posto que deixou na última asemblea (decembro de 2006).
Mais a figura de Lois Obelleiro tamén destaca como historiador. É coautor do manual 'Historia de Galicia' (A Nosa Terra Edicións) e máis recentemente do traballo 'As Escolas de Fundación en Galiza', onde resume a súa tese doutoral. Como profesor de ensino secundario colaborou en múltiples traballos de material didáctico.
O colaborador de Vieiros Xan Carlos Garrido lembraba a Obelleiro como “unha persoa moi útil, con bo humor, optimista sempre e que sempre buscaba a maneira de enfrontar as situacións difíciles. Sen dúbida, é unha persoa á que no plano sindical e político se lle debe moito”