Unha ducia de axentes sacaron as porras para afastar os concentrados baixo o lema "Na Galiza en galego", reunidos fronte aos autodenominados "Mesa por la Libertad Lingüística".
O grupo que funciona baixo a denominación "Mesa por la Libertad Lingüística", convocara para a tarde deste venres no Obelisco da Coruña unha manifestación enmarcada no conxunto de actividades que este e outros colectivos veñen organizando a prol do privilexio para o castelán en todos os ámbitos sociais, especialmente no ensino.
Fronte a ese acto, de xeito espontáneo e a través dos teléfonos móbiles, foi convocada para a mesma hora unha concentración oposta, que dobrou en asistentes ao grupo anterior, en defensa do galego e á que numerosas persoas acudiron con cartaces onde podía lerse o lema "Na Galiza, en Galego".
Logo do cruce de asubíos e insultos entre os dous grupos, separados apenas por uns metros, algo máis dunha ducia de axentes policiais interviñeron no lugar, tratando de facer marchar aos manifestantes en favor do galego, argumentando que a concentración non fora nin autorizada nin solicitada. No tirapuxa, e mentres aplaudían representantes do colectivo castelanista, varios mozos recibiron golpes.