Esta granxa de Mesía é a segunda produtora de leite ecolóxico do Estado, e unha das poucas que fabrica iogures cremosos 100% naturais. O director xerente da empresa fálanos sobre a súa historia.
Son unha das poucas granxas que producen iogures cremosos 100%. FOTO: Casa Grande de Xanceda
Dende os seus comezos, alá polos anos 60, a granxa coruñesa estabeleceu os criterios ecolóxicos como base da súa produción . Cincuenta anos máis tarde, a Casa Grande de Xanceda converteuse na segunda produtora de leite ecolóxico do Estado e fixo dos seus iogures, 100% naturais, o seu símbolo de identidade.
A historia da explotación comeza cando o intelectual Felipe Fernández Armesto merca a granxa, en pé dende o século XVIII, e trae de Canadá 30 vacas. A partir das reses iniciais, mediante a recría, conseguiron manter ese mesmo gando, ampliándoo até máis de 300 animais, que hoxe en día pastan libremente polas 370 hectáreas de terreo coas que conta a Casa Grande de Xanceda.
E é que esa é unha das características máis interesantes da granxa. Os animais son alimentados con produtos puramente naturais, para obter un leite limpo de pesticidas e herbicidas. Como se facía tradicionalmente, os donos da empresa decidiron que as vacas puidesen pastar libremente polas extensións da granxa, e que fosen muxidas tan só dúas veces ao día, converténdose así en “vacas felices”, segundo afirma o director xerente da Casa, Guillermo Martínez. “En Galiza estamos acostumados a ver as vacas nos pastos, e dende fóra ven este feito como un paso adiante para que os animais vivan felices”.