Pola importancia do seu ecosistema, a Xunta converte esta serra ourensá no novo "monumento natural de Galiza", sumándoo á Carballa da Rocha, a Costa do Dexo, a Praia das Catedrais, a Fraga dos Catasós, o Souto da Retorta e o Souto de Rozabales.
Con esta declaración oficial, acordada o xoves no Consello da Xunta, a serra de Pena Corneira quedará protexida, coa fin de preservárense os seus valores naturais. Deste xeito, no seu contorno só se poderán realizar actividades que non poñan en perigo a fauna, flora e ecosistemas existentes, "permitindo a realización, de xeito ordenado, dos usos ou actividades tradicionais que non poñan en perigo os valores naturais".
Pena Corneira une terreos entre os concellos de Carballeda de Avia, Leiro e Avión, sendo prolongación xeográfica da serra do Suído, cunha superficie aproximada de 998 hectáreas, entre as bacías dos ríos Avia e Miño. Destaca a importancia científica e paisaxística do seu macizo rochoso, e tamén os bosques de carballo, castiñeiro e loureiro da zona.