Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Este luns, en Pontevedra

O pobo xitano reclama igualdade de dereitos e a fin da discriminación

Máis dun cento de persoas percorreron concentráronse ante a delegación da Xunta, onde leron un manifesto: "Non pedimos esmola nin trato privilexiado".

Redacción - 09:05 04/12/2007

Máis dun cento de xitanos percorreron este luns á tardiña varias rúas de Pontevedra e concentráronse ante a delegación provincial da Xunta para reclamar "igualdade de dereitos, integración social e respecto á diversidade". O manifesto elaborado pola Asociación Pobo Xitano salienta que este colectivo "non pide esmola nin trato privilexiado, senón que di non á discriminación por nacer xitano".

O seu presidente, Sinaí Giménez, explicou que os asistentes á marcha actuaban como representantes "de máis de 30.000 xitanos de toda Galiza" procedentes da Coruña, Lugo, Ourense, Ferrol, Santiago, Tui, Porriño, Pontevedra, Marín, Poio e outras localidades do país, "seleccionados para non sementar o caos" durante a manifestación, engadiu.
Entre os participantes na protesta había afectados polos derrubamentos das súas vivendas no poboado do Vao, pendentes aínda de realoxar.

"Desprezados polos políticos"

Giménez criticou ao termo da concentración que o pobo xitano en Galiza estea "desprezado polos políticos", aos que reclamou "medidas parlamentarias" que protexan a este colectivo da "discriminación social, laboral e de vivenda". Xa que logo, fixeron un chamamento ao presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, para que se estabeleza unha canle "urxente e inmediata" de diálogo.

No manifesto tamén se verqueron críticas contra a Fundación Secretariado Xitano, á que acusan de xestionar mal os recursos do Fondo Social Europeo: "Para nada están a repercutir no pobo xitano e a súa integración real". Así mesmo, demandaron a Administración a posta en marcha de medidas de "discriminación positiva para acabar coa exclusión".

Ademais, queixáronse da actuación de varios concellos polas normativas municipais que regulamentan a venda ambulante. Neste senso, Sinaí Giménez sostivo que "intentan obstruír e limitar os postos de traballo". Tamén denunciou dificultades para acceder a promocións de vivenda pública como a proxectada en San Paio de Navia, en Vigo.

'Abonda xa'

Durante a media hora que durou o traxecto a pé dende o Recinto Feiral de Pontevedra até o edificio da Xunta, portaron varias pancartas cos lemas 'En contra do desprezo e a discriminación política', 'Non á discriminación laboral, social e de vivenda', 'En contra da violencia racista e discriminatoria, abonda xa' e 'Protección parlamentaria xa'.

Tamén corearon lemas como 'Abonda xa' e 'Pobo xitano unido', namentres alzaban as súas mans, cubertas con luvas brancas. A lectura do manifesto, a cargo do asesor da Asociación Pobo Xitano, Xosé Piñeiro, comezou cun minuto de silencio en sinal de repulsa ao atentado contra dous axentes da Garda Civil.

Tras permanecer durante 15 minutos concentrados, os manifestantes continuaron o seu percorrido en dirección ao punto de partida da marcha.


1.8/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: